O Bng esixe abrir de forma urxente o prazo das axudas a entidades culturais

Nos orzamentos do Concello se dispoñía de máis de 67.000 euros para a promoción cultural a entidades a través de libre concorrencia, lembra o Bng
Bng Arteixo Xurxo Couto Deputación A Coruña
photo_camera Xurxo Couto, voceiro do Bng Arteixo

"Xa consideramos no seu día que a oferta cultural deste Concello é pobrísima orzamentariamente", di Xurxo Couto voceiro de Bng local

O Bng de Arteixo esixe ao Concello de Arteixo que abra de xeito urxente o prazo para que as entidades culturais do municipio soliciten as axudas anuais. Se o Concello non saca as axudas xa, non recibirán as axudas para a realización de actividades en 2020.

“Ao estar incluídas estas axudas nos orzamentos, as entidades culturais organizan actos e eventos contando con elas. É un engano que agora non se dea inicio ao proceso de solicitudes. Hai entidades que si fixeron actividades nos meses en que se puideron facer. Isto sábeo o goberno que mira para outro lado e nega as axudas ás entidades do noso concello cando estas a precisan”, declara o voceiro do Bng Xurxo Couto.

Neste sentido, lembra que nos orzamentos do Concello se dispoñía de máis de 67.000 euros para a promoción cultural a entidades a través de programas de libre concorrencia e a entidades. As asociacións están endebedadas e son moitas as persoas que traballan de balde e que puxeron cartos dos seus petos para ofrecerlle á veciñanza actividades e isto hai que valoralo.

“A este goberno éncheselle a boca coas axudas e despois a certos sectores non llelas ofrece. Xa consideramos no seu día que a oferta cultural deste Concello é pobrísima orzamentariamente e só se limita a ofrecer cultura cando a Deputación da Coruña e a Xunta de Galiza organizan distintos programas”, afirma o concelleiro O Bng de Arteixo preguntará en todos os órganos colexiados por esta situación e esixirá que se proceda, aínda que tarde, a permitir que as entidades culturais soliciten estas axudas. Ademais solicitará por rexistro e preguntará se esta situación tamén se dá noutros departamentos como en Deportes.