O Bng solicita obras y mobiliario para escola de Rorís

Os nacionalistas de Arteixo piden que as obras se fagan na maior brevidade posible para que a calidade do ensino non se vexa mermada en Rorís
Bng Arteixo escola Rorís
photo_camera Xurxo Couto, voceiro do Bng no pleno de Arteixo

Os nacionalistas de Arteixo solicitan ao Concello de Arteixo que adquira mobiliario e faga obras na escola de Rorís, Armentón

Na solicitude rexistrada polo Bng Arteixo pide que as obras se fagan na maior brevidade posible para que a calidade do ensino non se vexa mermada. A escola de Rorís na parroquia de Armentón, ten deficiencias, como a falta de timbre teleporteiro ou a saída adaptada ao patio. Pola súa parte, no interior, tampouco hai espazo para gardar material didáctico, sendo os medios e recursos dos primeiros ensinos moi voluminosos. "Nin sequera hai armarios nas clases, polo que esiximos que se incorporen ao mobiliario do colexio. Finalmente, no piso superior tampouco hai persianas ou cortinas, algo que si contan na planta baixa", dí Xurxo Couto, voceiro da formación.

O Bng sabe que toda obra ou compra de material debería ser realizado pola Xunta de Galicia. Por iso, advirte "da súa falta de responsabilidade e deixadez nestas funcións, avalada habitualmente polo goberno municipal de Arteixo, que ten suplir estas tarefas noutros colexios e institutos do municipio. Polo tanto, para non deixar de lado ao alumnado de Rorís, cómpre subsanar as deficiencias da escola do lugar na maior brevidade posible", remata.

Mocións aprobadas no último pleno

Por outra banda, o Bng presentou dúas mocións no pleno ordinario de outubro. Unha sobre a mobilidade urbana e outra sobre a reactivación da asistencia sanitaria. As dúas foron aprobadas por unanimidade no pleno. En canto á moción de mobilidade sostible, todos os grupos "destacaron o ambicioso e completo documento". O Bng pretende a incorporación ao PMUS dunha serie de achegas imprescindibles. Ao mesmo tempo, destacou que a moción coas propostas sobre mobilidade non é unha crítica ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) -actualmente en redacción-. No referente á reactivación da asistencia sanitaria, todos os grupos estiveron dacordo na necesidade dunha atención médica presencial.

obras en escuela de Rorís
Imaxe das obras en escola de Rorís, Armentón