A nova Lei galega de igualdade reforzará a protección das mulleres contra ataques sexistas, violencia dixital e desigualdade laboral

A futura Lei galega de igualdade converterá a Galicia na primeira comunidade autónoma en crear un Estatuto das mulleres rurais e do mar
nova lei galega de igualdade
photo_camera O Goberno galego está a preparar o texto que permita actualizar a normativa actual e manter a loita contra as desigualdades

Ante la proximidade do 25-N, a Consellería de Promoción do Emprego a Igualdade lembra que “a erradicación plena da violencia de xénero e da desigualdade está entre os primerios obxetivos da axenda da Xunta de Galicia”

A Xunta de Galicia está a ultimar a tramitación da nova Lei galega de igualdade que impulsará a protección das mulleres fronte a ataques sexistas por medios tecnolóxicos. Para iso promoverá programas municipais de espazos urbanos libres de violencia sexual. O documento tamén recoñecerá a discriminación múltiple da muller por razóns de discapacidade, etnia, idade, pobreza ou inmigración. Paralelamente, creará un Estatuto das mulleres rurais e do mar cunha relación propia de dereitos para poder dar mellor resposta ás súas necesidades. Ademáis, a nova lei aboga polo benestar laboral, a conciliación, a maternidade, a prevención de riscos ou o teletraballo, entre outras melloras.

Ante a proximidade do 25-N, Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, lembra que “a violencia contra as mulleres constitúe a expresión máis crúa das iniquidades das que o ser humano aínda pode ser testemuña e só pode obter o rexeitamento como resposta, tanto por parte dos poderes públicos como da sociedade no seu conxunto”.

Por este motivo o Goberno galego está a preparar o texto que permitirá actualizar a normativa actual e seguir a manter a Galicia no compromiso da loita contra as desigualdades. “Queremos seguir a situar a Galicia na vangarda da loita contra a violencia e a discriminación da muller, ao permitir visibilizar desigualdades e avanzar para erradicalas”, matiza Lorenzana.

“Galicia é xa referente no recoñecemento da violencia vicaria como unha forma máis de exercer a violencia de xénero contra á muller a través das súas fillas e fillos e de persoas próximas asasinadas”, especifica a titular de Igualdade. Así mesmo, lembra que a comunidade é punteira na inclusión da violencia dixital na lexislación. Trátase dun maltrato que se exerce a través das tecnoloxías con finalidade de discriminación, dominación, control e intromisión na privacidade sen consentimento da vítima.

Independencia económica

Galicia conta cos instrumentos axeitados para facerlle fronte á lacra, tanto cun marco legal amplo que protexe as vítimas como con axudas directas -máis de 1.000 concedidas cada ano-. O obxetivo é evitar que a dependencia económica do agresor non sexa un obstáculo para rachar co perigo e poder vivir en liberdade.

“Queremos seguir a mellorar a resposta institucional para que sexa máis precisa e eficaz”, especifica a titular de Promoción do Emprego e Igualdade. Tamén considera que a clave “o acceso ou a reincorporación ao mercado laboral é o camiño da súa recuperación”. Neste sentido, lembra que a Xunta de Galicia leva anos impulsando, en colaboración cos concellos e entidades e cooperativas sen ánimo de lucro, políticas para que estas mulleres poidan traballar.

A erradicación plena da violencia de xénero está entre os primeiros obxectivos da axenda de Goberno galego. “Enfrontamos con compromiso os desafíos aos que nos expón e avogamos por reforzar aínda máis a protección das mulleres”.

Benestar laboral

Na nova Lei, o obxectivo da Administración pública é promover entre o tecido empresarial a creación de contornas de traballo cada vez máis respectuosas e cooperativas. Pero tamén, saudables e democráticas, xustas e solidarias. E para iso, a Xunta quere concienciar ao empresariado galego sobre a importancia da flexibilización de horarios e impulsar medidas que faciliten a conciliación e a reciclaxe profesional das traballadoras.


O documento tamén recoñecerá a discriminación por razóns de discapacidade, etnia, idade, pobreza ou inmigración

“Do que se trata é de xerar un benestar laboral entre as persoas traballadoras, o que incidirá nunha mellora da produtividade e competitividade”, apunta a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. Sinala, ademais, que neste eido estanse a impulsar políticas de conciliación que van máis aló dunha compensación económica. Trátase de mudar cara a promover un bo uso dos tempos para o que é clave facer partícipe ás empresas.

Tal e como engade a conselleira, avógase por unha corresponsabilidade real no fogar e unha redistribución de roles no ámbito familiar. Neste punto é prioritario poñer o foco en medidas que incidan na igualdade laboral entre mulleres e homes, na implicación do tecido empresarial e no benestar laboral das organizacións.

Trabállase, polo tanto, no compromiso de que a perspectiva de xénero cale no ámbito laboral “co convencemento de que resulta imprescindible para o óptimo desenvolvemento social e económico da comunidade”, subliña.

Estatuto das mulleres rurais e do mar

A futura Lei galega de igualdade, ademais de apostar polo concepto do benestar laboral, converterá a Galicia na primeira comunidade autónoma en crear un Estatuto das mulleres rurais e do mar cunha relación propia de dereitos para mellorar o seu acceso a recursos e a participación social.

A Xunta traballa, ao respecto, para situar á muller rural como un dos eixos clave das súas políticas de igualdade, poñendo en valor a súa contribución á innovación e fixación de poboación. A nova normativa en igualdade enmárcase, segundo especifica Lorenzana, no   compromiso do Goberno galego coa igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.