A Xunta reforza a loita contra o lume forestal coa mellora do seu dispositivo humano e material

O operativo está integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os doutras administracións
Consellería de Medio Rural Xunta de Galicia
photo_camera A Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal

O operativo anti incendios está formado en total por máis de 7.000 profesionais da Xunta de Galicia e os doutras administracións

Ademáis, amplíase a rede de cámaras de vixilancia con 22 novos dispositivos, o que permitirá dispoñer de 142 e cubrir arredor do 70% do territorio

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2021), inclúe este verán unha trintena de medios aéreos dispoñibles na tempada de alto risco. É un número semellante ao dos últimos anos, contemplando tanto os medios da Xunta como os do Estado.

Sobre os medios terrestres, cómpre indicar o incremento de 19 motobombas máis por parte dos concellos, que se suman ao dispositivo de loita contra incendios. Así, o número total de vehículos motobomba a disposición é de 378, sumando os da Xunta e os municipais.

Nesta liña, renovarase tamén o parque móbil do Servizo autonómico, coa adquisición de 6 novas motobombas e a renovación doutros vehículos. Recentemente, entregáronse 11 vehículos ao Servizo. Dende o ano 2013 o Goberno galego adquiriu un total de 88 novas motobombas, o que supón que se renovou máis da metade do total destes vehículos do dispositivo.

Os medios humanos e materiais mobilizados no Pladiga mantéñense, en liñas xerais, en valores similares aos das últimas campañas. Así, o operativo está de novo integrado por máis de 7.000 persoas en total, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os doutras administracións.

Ademáis, incorpora tamén outras melloras tecnolóxicas. Por exemplo a implantación de novas funcionalidades para o cálculo dos custos de extinción, baseadas na aplicación de custos unitarios e tempo de traballo. Deste xeito, facilitarase a reclamación dos gastos en procesos xudiciais contra incendiarios. Así mesmo, implantouse o acceso ao persoal que intervén no incendio a toda a información operativa do lume, en tempo real. Isto significa coñecer o punto de inicio e evolución, os recursos asignados, os puntos de auga próximos, a cartografía, os datos meteorolóxicos, as descargas dos medios aéreos, etc.

Vixilancia  con 22 novos dispositivos

Por outra banda, consolídase a rede de vixilancia no monte con cámaras de última xeración, coa instalación de 22 novos dispositivos, o que permitirá dispoñer de 142 en toda Galicia. Están localizadas en 71 puntos estratéxicos, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de Alto Risco de Incendios. Ata agora, as cámaras instaladas permitían cubrir o 60% do territorio galego. Con estas incorporacións chegarase a abarcar unha porcentaxe aproximada do 70%.

Medios terrestres dispoñibles

O Pladiga 2021 incorpora, a maiores, un completo Plan de prevención. Ten como principais magnitudes a actuación en máis de 58.000 hectáreas de superficie, a intervención en preto de 5.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e a realización de labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga existentes na nosa comunidade e a construción doutros 222 novos. Todo isto, cun investimento de arredor de 30 millóns de euros.

Plan de Formación

Outro dos plans incluídos no Pladiga é o de formación. Nel, a Xunta imparte este ano preto de 230.000 horas lectivas aos case 3.000 traballadores do Servizo. A iniciativa tamén se estenderá aos concellos e á cidadanía ata o ano 2024. Nesta planificación contémplanse catro programas. Dous para o persoal da Xunta, outro para o dos concellos e un cuarto para a sociedade do rural.

Entre as accións realizadas e previstas para o outono-inverno están 31 cursos, en modalidade presencial, telemática ou mixta. Está dirixida os profesionais da Xunta, 40 iniciativas relacionadas coa seguridade laboral, cos grandes incendios e lumes de interface ou co manexo de equipamentos de traballo, para este mesmo persoal. Tamén se contempla a formación eminentemente práctica para os traballadores adscritos aos concellos e accións de concienciación cara a poboación rural, así como formación en materia de auto protección fronte o lume.

Centro integral contra lumes

Outra mellora na loita fronte os incendios será a creación do novo Centro integral para a loita contra o lume, que se situará na localidade ourensá de Toén. Funcionará como un verdadeiro “Campus Forestal” grazas ás achegas dos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios. Un complexo no que xa se empezou a traballar con labores silvícolas e de limpeza.

Ademais, cómpre lembrar tamén a próxima creación, no sur de Ourense, dunha moderna base de medios aéreos, que suporá un investimento de máis de 9 millóns de euros. Trátase dunhas instalacións enmarcadas no proxecto transfronteirizo Interlumes. Elas permitirán dotar a esta área -unha das máis afectadas pola actividade incendiaria- duns modernos servizos para a anticipación aos incendios, mellorando tempos de resposta e optimizando os recursos na loita contra o lume.

Colaboración coa Fegamp

Por outra banda, dentro da loita contra o lume, cómpre salientar tamén o convenio de colaboración subscrito entre a Consellería do Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Neste contexto, xa son 270 os concellos adheridos. Esta colaboración interadministrativa garante a correcta xestión da biomasa en parcelas situadas dentro da rede de faixas secundarias de máis do 86% do territorio da Comunidade galega. Unha xestión que está sendo controlada por drons e por 15 supervisores de prevención que están traballando sobre o terreo nas parroquias priorizadas. O obxecto é comprobar o cumprimento da normativa da xestión da biomasa naquelas faixas secundarias de parroquias priorizadas. Ademais, outros 30 supervisores sumáronse a estes controis nas parroquias non priorizadas dos 81 concellos priorizados.

A maiores, a través de dito convenio, a Xunta entregou 232 plans de prevención municipais aos correspondentes concellos, dos cales 129 xa están aprobados definitivamente. Os outros 103 atópanse en tramitación. Así, en tres anos pasouse de non haber case ningún plan a que o teñan hoxe en día en tramitación preto do 75% dos municipios galegos.

Teléfonos para alertar de lumes e da actividade incendiaria

Por último, a Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais pode ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Convenio de protección de aldeas

Por outra banda é de destacar que dende a entrada en vigor en 2018 do convenio de protección das aldeas asinado entre a Consellería do Medio Rural, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga, a porcentaxe tanto de parcelas como de superficie xestionada nas franxas secundarias -as máis próximas ás vivendas- das parroquias priorizadas pasou de representar a metade do total en 2019 a situarse preto do 70% neste ano 2021. Compróbase así o bo funcionamento do convenio, que é resultado, entre outras cousas, dos traballos da comisión parlamentaria creada tras os incendios de 2017, polo que se dá así cumprimento a un mandato da Cámara galega.

Ao abeiro deste acordo, a Xunta vén de finalizar os traballos de comprobación de preto de 180.000 parcelas de parroquias priorizadas, onde os titulares poden executar a limpeza pola súa conta ou contratala directamente a Seaga por un prezo vantaxoso de 350 euros por hectárea limpa. Nesa inspección, constatouse o incremento no grao de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa para a prevención de incendios forestais, acadándose as tres de cada catro parcelas xestionadas.

Mentres, a uns 65.000 titulares notificaráselles para que procedan á limpeza advertíndolles que, de non facela, cada concello procederá subsidiariamente e logo lles trasladará o custo correspondente. A día de hoxe, xa están advertidos uns 8.000 propietarios e persoas xurídicas dos 81 concellos priorizados mentres uns 31.500 son ilocalizables, polo que vai ser preciso publicar as notificacións no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Tras a revisión das parroquias priorizadas, a Xunta prodeceu este ano á revisión das parroquias non priorizadas nos 81 concellos priorizados. Así, contratáronse un total de 30 capataces que se están a encargar da supervisión do estado de xestión da biomasa, sumados a outras 15 persoas que xa viñan traballando no territorio das parroquias priorizadas. Nesta revisión estasense a inspeccionar os concellos de Porto do Son, Guitiriz, Cualedro, Oímbra, A Gudiña, Verín, Sandiás, Boborás, Arbo e Mondariz.

Otras accións

Ademais das accións nas faixas secundarias, o acordo contempla a xestión da biomasa en vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano, con cargo ao convenio, así como 10 ha de execución subsidiaria, tamén por concello e ano.

A maiores, está incluída a posta en marcha de iniciativas estratéxicas, é dicir, de proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que se consideren de especial transcendencia, así como de aldeas modelo para recuperar parcelas arredor de núcleos de poboación. Nesa dirección, hai xa 44 figuras deste tipo en diferentes etapas ou fases de execución e 14 declaradas en toda Galicia.

Outra actuación vén dada polo reforzo a actuacións preventivas mecanizadas nos concellos adheridos, que permitirá acadar unha superficie de actuación en áreas cortalume próxima ás 1.500 ha. Tamén se traballa no marco das iniciativas veciñais para o cumprimento das medidas preventivas nas faixas secundarias.