20 N: 30 anos da Convención dos Dereitos da Infancia

A POIG celebra os 30 anos xunto á Consellería de Política Social – Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

A Convención sobre os Dereitos do Neno (CDN) cumpre 30 anos. Este aniversario é unha oportunidade para deternos a reflexionar e para renovar os compromisos de toda a sociedade coa infancia. Cómpre facelo desde unha posición consciente e comprometida, na que a mirada sobre o ocorrido dende 20 de novembro de 1989 ata hoxe supoña unha aprendizaxe para acadar os obxectivos que aínda non fomos quen de conseguir e que son dereitos irrenunciables.

Unha traxectoria de 30 anos pode parecer relativamente curta para a historia dun país, máis  aínda para historia mundial, pero coa mirada dos nenos e nenas é un longo período de tempo, porque sendo unha parte fundamental da vida, a infancia é unha etapa breve.  Como di un dos grandes pensadores en infancia, Francesco Tonucci, na infancia “as cousas máis importantes xa ocorreron”. Os nenos e nenas son ante todo presente e polo tanto non poden, non deben esperar.

Na infancia colócanse os cimentos de todo o ciclo vital. Que sentido ten reflexionar moito sobre a xuventude, a idade adulta ou a vellez, se pasamos por alto a situación dos nenos e nenas? O xerme, a semente do posible atópase na infancia. Se non o temos en conta  pasaremos moito tempo do resto do ciclo vital reparando as quebras producidas polas desatencións na primeira etapa. Inasumible desde un enfoque de dereitos humanos, pero tamén inaceptable desde unha perspectiva de eficiencia política, económica e organizativa dunha sociedade responsable  e sostible.

A nosa misión, como plataforma que aglutina ás organizacións que traballan directamente coa infancia en situación de maior vulnerabilidade, ten unha prioridade clara de impulsar os dereitos como a ferramenta indispensable para garantir o desenvolvemento pleno dos nenos e nenas. A nosa é pois unha visión de xustiza  social, pero tamén un imperativo dunha organización comprometida coa construción dunha sociedade onde todas as persoas teñan cubertas as súas necesidades desde os primeiros momentos da vida, e co acompañamento e coidado compensador posterior cando sexa necesario.

Convención: consenso claro

A convención supón un consenso claro en torno aos dereitos da infancia, ten rango de lei e obriga aos países que a firman. Sen necesidade de viaxar fora da nosa comunidade, do noso país,  temos que recoñecer o avance que se ten producido nestes anos, pero tamén temos que reivindicar o traballo que queda por facer. Para moitos nenos e nenas a convención non se cumpre: nenos e nenas que están vivindo na pobreza,   nenos e nenas que son vítimas da violencia, nenos e nenas abusados, nenos e nenas que viven en contornas precarias, nenos e nenas que teñen itinerarios de crianza adversos que non promoven a seguridade afectiva que necesitan...

Poderíamos sementar este documento de cifras, datos, números, estatísticas e porcentaxes, pero son sobradamente coñecidos e a nosa misión é por rostro, vida e oportunidades a cada dato  e restar cada día nenos e nenas desas cifras.

O 20N é un día idóneo para atraer a mirada de toda a sociedade sobre a infancia e para renovar o compromiso social de todas as entidades que conformamos a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia cos dereitos dos nenos e nenas. A nosa labor diaria na protección e na promoción da infancia pretende situar aos nenos e nenas no centro da vida social e das decisións políticas cunha mirada estratéxica e de eficacia, convencidos de que as carencias que se padezan nos primeiros anos da vida tenden a se arrastrar ao longo das seguintes etapas e supoñen un freo para a capacidade de toda a sociedade.

Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG)

Mañá, 20 de novembro celébrase 30 anos da Convención sobre os Dereitos do Neno. Con este motivo, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG) celebra, xunto á Consellería de Política Social – Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, a súa primeira reivindicación deste fito histórico que converteu, ás persoas menores de idade, en suxeitos activos de dereitos.

A

POIG está formada por 28 entidades que traballan en Galicia coa misión

de defender as necesidades e dereitos dos nenos, nenas e adolescentes.

O

acto central da celebración do 20N terá lugar o 20 de novembro, a

partir das 12:00 horas, no Salón de Actos da Xunta de Galicia en San

Caetano.

A protagonista deste acto central é a infancia que participou no traballo participativo realizado desde a POIG, acadando propostas de consenso para por enriba da mesa dos que teñen capacidade de xestionalas. Os nenos, nenas e adolescentes de distintos colexios e puntos xeográficos de Galicia, traerán ao goberno galego as súas conclusións celebrando os 30 anos.

Programa actualizado

11'30 h. Recepción autobuses na explanada de San Caetano

12'00 h. Benvida por parte do Presidente da POIG, Xesús Vilas aos participantes

12’15 h. presentación da primeira versión completa e actualizada en galego da Convención sobre os Dereitos do Neno (convención e protocolos facultativos)

Presentación a cargo da conselleira de Política Social, Fabiola García.

Por primeira vez, en galego, se publica a Convención e os protocolos facultativos aprobados desde á firma da Convención no ano 1989.

12'10 h Inicio do Acto, coa participación dos presentadores Alán Álvarez Añon e Uxía Martínez González, alumnos do I.E.S. Arcebispo Xelmírez II.

Interveñen nenos, nenas e adolescentes dos colexios e institutos:

C.P.R. Plurilingüe Jesús Maestro (Ferrol-A Coruña)

C.P.R. Pablo VI - Fátima (A Rúa-Ourense)

C.P.R. Plurilingüe Divina Pastora (Lugo)

C.E.I.P. Plurilingüe Javier Sensat (Vigo-Pontevedra)

I.E.S. Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela-A Coruña)

13'15 h. Clausura do Acto a cargo do presidente da POIG Xesús Vilas, e foto dos asistentes no Salón de Actos

+ información y entrevistas con Xesús Vilas a través do correo: [email protected]