O Bng Arteixo leva a pleno a necesidade dun modelo sostible

"Estamos preocupados pola falta de noticias sobre a Liña de Alta Tensión que atravesaría a zona sur de Arteixo” di Xurxo Couto
oposición líneas de alta tensión de Monteagudo a Morás
photo_camera Líneas de alta tensión: charla informativa en O Foxo

Os nacionalistas están preocupados pola falta de noticias sobre o proxecto da Liña de Alta Tensión e os campos eólicos mariños que afectan a Arteixo

O Bng local leva ao pleno de Arteixo do xoves 26 de maio, unha moción relativa á esixencia dun modelo eólico sostible. "O modelo enerxético que está a promover o Goberno do Estado, pretende especializar de novo a Galiza na produción de enerxía eléctrica a gran escala e, en boa medida, para o resto do Estado español. Xa hoxe o 33% da electricidade producida no país se envía para fóra. Na actualidade, Galiza vese ameazada con máis de 200 proxectos de macro parques eólicos de grande impacto que afectan a zonas de alto valor ambiental e terras agrícolas ou patrimonio. Ademais, está presente unha ameaza para o sector pesqueiro debido á instalación de parques eólicos mariños no litoral galego", explican.

“É necesario poñer os límites oportunos, así como unha tarifa galega propia. E ademais en Arteixo estamos preocupados pola falta de noticias sobre a Liña de Alta Tensión que atravesaría a zona sur do concello así como a proliferación de campos eólicos mariños”, comenta o concelleiro Xurxo Couto.

Os nacionalistas consideran necesario "fixar unha postura conxunta diante destes feitos e leva ao pleno de maio unha moción para reclamar diante do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza un modelo eólico sostible e non depredador".

Parques eólicos mariños

Ademais, entre os acordos suxeridos está o de rexeitar a instalación dos varios parques eólicos mariños previstos na costa galega antes de realizar un estudo de impacto no sector pesqueiro e no medio ambiente. Tamén reclamar para Galiza unha tarifa propia máis baixa para compensar o impacto no territorio.

No referente a Arteixo, o Bng solicita que, na medida do posible, todas as liñas de evacuación que discorran polo municipio sexan soterradas. E, ademáis, que o Concello apoie os colectivos e a veciñanza afectados pola instalación de estruturas de aproveitamento enerxético.