O Bng denuncia a situación de abandono da praza de Barrionovo, Pastoriza

Os nacionalistas califican de "lamentábel a situación da praza situada na UA 27, ao lado do centro social de Barrionovo na Pastoriza”
Praza Pastoriza
photo_camera Praza Barrionovo, Pastoriza

A praza leva pechada desde 2010. Tamén demandan melloras na zona de O Rañal

O nacionalistas de Arteixo denuncian a “lamentábel situación da praza situada na UA 27, ao lado do centro social de Barrionovo na Pastoriza”. A praza leva pechada desde o 2010. “Agora, o certo é que a situación do espazo é dun abandono absoluto. Ademais, ten un centro social ao seu carón que se ve tamén afectado por esta situación vergoñenta”, exponen desde o Bng.

Así, vai preguntar se se está buscando algún tipo de solución legal ao problema de urbanización que hai na contorna. Tamén que pasos se deron todos estes meses para solucionar a situación e cales son os pasos para solucionar o problema urbanístico que ten o espazo.

Melloras para O Rañal

Así mesmo, o Bng local vai rexistrar unha proposta no Concello a respecto do aparcamento de camións no Rañal. Tamén fará unha solicitude para facer a continuación da beirarrúa para que chegue ata ao aparcamento da praia.

En canto ao problema de aparcamento de camións, o Bng demanda que haxa unha xuntanza urxente coa representación empresarial para procurar unha solución aos graves problemas de aparcamento no Rañal e tamén nas beiravías interiores do polígono, que en moitos casos están ocasionando problemas de visibilidade.

Por outro lado, solicita tamén que o Concello realice as obras para finalizar a beirarrúa polo Rañal até o aparcamento da praia do Rañal, un tramo de menos de 100 metros que quedou sen executar no seu momento. Finalmente, pide que se habilite un centro social en condicións que lle permita realizar as diferentes actividades á veciñanza, poñendo fin ao uso dunha caseta de obra desde hai xa demasiados anos.

Inventario de bens municipal

No pleno de Arteixo do pasado abril, o Bloque preguntou cando ía traer o goberno o inventario de bens municipal a pleno para a súa aprobación definitiva. Insisten en que nunca se contestaron as alegacións presentadas. Non respostar ás alegacións e non levalo a pleno impide esa aprobación definitiva segundo a lexislación vixente. Polo tanto, non pode estar ese documento publicado na web xa que non é documento final.

Más en Arteixo