Psoe de Arteixo insta a axilizar a urbanización da contorna do centro de día

Durante unha visita á zona, o portavoz do Psoe no Concello, Simón López denunciou a falla de seguridade peonil e de alumeado público
Psoe del Concello de Arteixo visita zona de obras
photo_camera Membros do Psoe Arteixo visitaron a zona centro de Arteixo

"Trátase dunha actuación moi demandada pola veciñanza e prometida en reiteradas ocasións", aseguran desde o Psoe

O Psoe Arteixo considera que a construción de beirarrúas e a ordenación das zonas de aparcadoiro na rúa Río Tambre e no Camiño dos Cabalos é “unha necesidade urxente”. Por este motivo instan ao equipo de goberno a axilizar a execución dos traballos. Durante unha visita á zona, o portavoz socialista no Concello, Simón López, e integrantes do grupo municipal, denunciou a falla de seguridade peonil.

“A zona está literalmente a monte e por aquí camiñan diariamente moitos nenos e nenas que acoden á escola infantil. Tamén, os usuarios do centro de maiores”, indica López. “A obra -engade- debería estar rematada hai moito tempo”. "Ademáis, hai que sumar a velocidade excesiva á que circulan moitos vehículos polas rúas incluídas no proxecto de urbanización. Apenas hai instalada unha banda redutora de velocidade. Pola noite, as carencias do alumeado público fan que se incremente a sensación de inseguridade para os viandantes", explican os socialistas.