Boa vendima 2019 nas cinco denominacións de orixe galegas

A vendima de 2019 nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas foi a terceira máis abondosa na última década, só superada polas de 2011 e de 2018

A vendima de 2019 nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia foi a terceira máis abondosa na última década, só superada polas de 2011 (que foi récord absoluto) e de 2018, que tan só foi un 0,17% superior á campaña deste ano. Ademais, a colleita deste ano sitúase un 6,5% por riba da media do decenio. Así se reflicte nun informe da Consellería do Medio Rural avaliado hoxe polo Consello da Xunta.

O documento sinala que, pechada a campaña, nas devanditas cinco DO’s galegas colleitáronse un total de 63.906.700 quilos de uva, dos cales algo máis de 51 millóns corresponderon a variedades brancas e os 12,8 millóns restantes a castes tintas. Por denominacións, a de Rías Baixas ocupou de novo o primeiro lugar en volume de produción, cuns 32,4 millóns de uva recollidos, que representan algo máis da metade do total. Seguiulle a do Ribeiro, con 11,8 millóns de quilos e a continuación as de Ribeira Sacra (7,2 millóns), Valdeorras (6,8 millóns) e Monterrei, con algo máis de 5,6 millóns de quilos.

O informe sinala tamén que este ano as tres denominacións de menor produción (Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei) aumentaron a cantidade vendimada, colocándose moi por riba da media do último decenio. Tamén se incrementou a produción no Ribeiro.

Ademais, destaca o feito de que as variedades recomendadas,

potencialmente produtoras de viños de calidade, seguen a ter un peso

fundamental no conxunto da vendima. Así, as uvas Albariña, Godello e Treixadura

representaron, respectivamente, un 62,4%, un 13,6% e un 11,1% da uva branca

total e a Mencía supuxo o 76,1 % da uva tinta total colleitada.

Viticultores e adegas

Outros datos recollidos polo informe de Medio Rural

refírense, por exemplo, aos 9.844 titulares de viñedo e ás 426 adegas

implicadas na campaña. Así mesmo, para os labores de control, os consellos

reguladores mobilizaron 81 efectivos, entre o persoal fixo e os eventuais

contratados especificamente para tal finalidade. A maiores, a Consellería do

Medio Rural reforzou este seguimento de xeito totalmente coordinado cos

consellos reguladores, co despregamento de 22 técnicos máis. Ademais, o estudo

informa de que a vendima máis madrugadora rexistrouse en Rías Baixas e O

Ribeiro, xa que en ambos casos comezou o 28 de agosto. A máis tardía foi a de

Valdeorras, que rematou o 29 de outubro.

Por denominacións de orixe, no caso de Rías Baixas a

cantidade de uva vendimada mantívose practicamente igual á media do decenio. No

Ribeiro o incremento da colleita superou o 31% en relación coa pasada vendima.

Ademais, as condicións climatolóxicas deste ano 2019 foron axeitadas para que o

ciclo da vide se desenvolvese de maneira normal sen ningunha anomalía.

Na Ribeira Sacra a produción foi un 17,7% superior á do 2018

e situouse un 24,5% por riba da media do período 2010-2019. Polo tanto podemos

dicir que, en canto a cantidade, estamos ante a mellor colleita da historia

desta denominación. No caso de Valdeorras a vendima foi a segunda maior dos

últimos dez anos, o que supuxo un incremento do 45,7% respecto da campaña

precedente, superando nun 23,7% o valor medio do devandito decenio. Por último,

na DO Monterrei rexistrouse unha cifra récord, que supuxo un incremento por

riba do 57% en relación coa media do decenio.

Estratexia de dinamización

Para consolidar o éxito deste sector e o prestixio dos viños

galegos, a Xunta ten en marcha unha Estratexia de dinamización económica,

territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. Esta iniciativa

ten na calidade un dos seus sinais de identidade fundamentais, así como na

internacionalización, xa que o do viño, con máis dun 20% de exportacións sobre

a produción total, é o eido agrario galego con máis proxección exterior.

Esta estratexia é unha actuación conxunta entre o sector e

tres consellerías (Economía, Emprego e Industria, Cultura e Turismo e Medio

Rural), xunto coa Fundación Juana de Vega, que conta cun orzamento de case

750.000 euros para reforzar a dimensión internacional, turística e territorial

do viño galego.

Este apoio ao mundo do viño por parte da Xunta ponse de manifesto tamén a través de diferentes liñas de axudas específicas para o sector, entre elas unha destinada á mellora das instalacións de elaboración e comercialización e outra para financiar medidas de promoción en países terceiros, que suporán o vindeiro ano unha achega total de 4,2 millóns de euros por parte da Consellería do Medio Rural. Tamén en relación co viño, trabállase na actualización do Rexistro Vitícola de Galicia, para o que se destinan 916.000 euros no período 2019-2020. Sen dúbida unha boa vendima.