Paula Otero remata a tempada con impresionantes resultados

Paula Otero Fernández, éxitos final tempada 2021
O último campionato da tempada celebrouse dende o martes 3 de agosto ata o sábado 7 na piscina do Club Natación Metropole, en Las Palmas

A tempada deportiva da nadadora do CNA deixou grandes éxitos na súa carreira

A nadadora do Club Natación Arteixo, Paula Otero Fernández, tiña posto un listón moi alto nesta tempada. Antes de sair para Canarias a participar no Campionato de España Junior e Absoluto xa destacaba. Acababa de participar en dous campionatos de Europa obtendo grandes resultados. Entre eles ser bronce na proba de 1500 libre e acadar marcas que lle dan acceso ó Equipo Nacional Absoltuto.

E vaia se superou este listón. Proclamouse Campiona de España Absoluta en 800 e 1500 libre, terceira clasificada absoluta en 400 libre; Campiona de España Junior en 800, 1500, 400 libre e 200 estilos. Todo isto mellorando todas as súas marcas persoais.

O último campionato celebrouse dende o martes 3 de agosto ata o sábado 7 na Piscina do Club Natación Metropole, en Las Palmas. O evento contó coa participación dos olímpicos recén chegados de Tokio, e cun gran nivel de marcas en xeral, e dos participantes galegos en particular.

Paula Otero, e con ela todo o Club Natación Arteixo, rematan esta longa tempada, complicada pero de grandes éxitos deportivos. Toca descansar para retomar forzas e encarar un próximo ciclo que seguro será mellor a tódolos niveles.