Estrella Galicia inviste nun novo emprazamento no Polígono de Morás

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a colaboración entre a Xunta de Galicia, o Concello de Arteixo e a empresa Hijos de Rivera S.A. facilita que esta compañía faga unha reserva de solo no Polígono de Morás.

Así o afirmou tras a sinatura dun protocolo no que Estrella Galicia amosa a súa intención de desenvolver un posible novo emprazamento neste polígono industrial de Arteixo, e engadiu que pasos coma este son posibles grazas á implicación das Administracións para facilitar solo empresarial aos investidores.

Neste caso en concreto, salientou que é posible grazas ao desenvolvemento do Parque Empresarial de Morás, contemplado no Plan sectorial de ordenación de áreas empresarias de Galicia que foi aprobado en 2014 e que ofrece incentivos para o asentamento empresarial.

Deste xeito, no caso de que Estrella Galicia complete a adquisición do solo reservado a través do protocolo asinado no día de hoxe, a empresa poderíase beneficiar dunha bonificación do 30%. Noutros polígonos, estes incentivos económicos poden alcanzar ata o 50%.

Máis

polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que a intención da compañía de

adquirir solo industrial en Arteixo apuntala a Galicia como un lugar onde

crecer e crear emprego. “Os galegos podemos celebrar que Estrella Galicia vexa

na nosa terra un lugar apto para investir”, valorou.

Finalmente, Feijóo quixo agradecer o compromiso de Hijos de Rivera coa Comunidade incidindo en que na súa aposta por Galicia hai “unha mestura de corazón, porque o seu corazón é galego, e de cabeza e razón, porque se necesita manter a fidelidade pero con viabilidade económica e empresarial”, ao que engadiu que esta compañía é un claro exemplo de marca que funciona como embaixada e divulga os valores positivos dunha comunidade. Nese sentido, sinalou que os traballadores, directivos, propietarios e clientes desta empresa evidencian cada día que no mundo global ter raíces é un valor engadido.