A Consellería de Educación,
Universidade e Formación Profesional abre o prazo para que as
familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros
de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e
de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en
Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos
con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2019/20.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende mañá ata o próximo día 21 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia do 20 de Maio de 2019.
O importe total habilitado pola
Consellería para o financiamento das axudas e do fondo solidario
ascende a 12,1 millóns de euros a razón de 5,4 millóns para os
vales de material escolar, 4,6 millóns para as axudas de libros de
texto, e 2,1 millóns para a adquisición -por parte dos centros
educativos- de libros de texto complementarios aos existentes no
Fondo Solidario, co fin de garantir a súa dispoñibilidade ao
alumnado con nivel de renda que lle dea dereito ao citado fondo.
As solicitudes poderán presentarse ben
por vía electrónica empregando a aplicación informática
“fondolibros” ((https://www.edu.xunta.es/fondolibros)
a través da sede electrónica da Xunta de Galicia,
ou
ben presencialmente nos propios centros
docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos
na normativa reguladora do procedemento administrativo.
O sistema solidario habilitado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que posibilita garantir unha educación accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixos que son o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.
As axudas da
consellería para a compra de libros están dirixidas ao alumnado
matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado
matriculado en Educación Especial.
Os requisitos de
renda e as contías das axudas son as seguintes:
Educación
Primaria:
- Renda per
cápita familiar igual ou inferior a 5.400,00 euros: 170 euros
- Renda per
cápita familiar superior a 5.400,00 e igual ou inferior a 9.000:
90 euros
Así mesmo,
mantense que o alumnado matriculado en educación especial, en
centros específicos ou en unidades de educación especial en centros
ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou
superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos
recibirá un importe de 250 euros, con independencia da renda per
cápita familiar.
Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (170 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.
No caso do Fondo
solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º,
4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A
asignación de libros de texto farase, ao igual que nos tres anos
anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade
familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación
de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior
ao 65%, con independencia da súa renda familiar.
De darse o caso
de non alcanzar os libros dispoñibles no fondo solidario para dar
unha cobertura igual á que se presta en función da renda nos cursos
cubertos pola convocatoria de axudas, o centro adquirirá os libros
complementarios que sexan necesarios. O obxectivo é garantir que o
alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 5.400 euros e o
que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha
discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos
con independencia da renda) teña garantido o acceso a 6 libros, e
que o que teña renda per cápita de entre 5.400,01 euros e 9.000
acceda a 4 manuais.
Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.A
O destinatario
das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en
educación primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual
ou inferior a 5.400 euros, e a contía da axuda será de 50 euros.
O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.
No curso actual
curso 2018/2019 concedéronse un total de 27.690 axudas á
adquisición de libros de texto e 97.406 axudas para a adquisición
de material escolar. Ademais, o fondo solidario de libros de texto
distribuíu un total de 631.652 manuais entre 108.354 alumnos (sete
de cada dez recibiron seis ou máis libros de balde).
En definitiva, a
Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional
chegou este ano co programa de Gratuidade Solidaria para libros de
texto a case 136.044 alumnos, ben a través do fondo (108.354), ben
das axudas (27.690).