Congreso de coordinadores de benestar e convivencia

Congreso de coordinadores de benestar e convivencia. Foto Xunta.gal.
Mil coordinadores de benestar e convivencia fórmanse nun congreso organizado pola Xunta.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou o Congreso de coordinadores de benestar e convivencia, onde salientou a aposta da Xunta de Galicia “por garantir que ningún alumno se sinta discriminado e por ofrecer á comunidade educativa unha contorna saudable na que se prime o benestar, a tolerancia e a convivencia positiva”.

Neste encontro, no que participan 1.000 profesionais, destacou que a Xunta ten en marcha a Estratexia Galega de Convivencia Escolar, unha folla de ruta  deseñada para orientar aos docentes de cara a mellorar a educación emocional e fortalecer o bo clima de cohesión grupal nas aulas, así como o novo Plan de Benestar Emocional, un documento publicado a inicio de curso que amplía e mellora a estratexia existente, facilitando aos centros, con indicacións prácticas e sinxelas, a aplicación das diferentes medidas.

Román Rodríguez agradeceu o traballo dos coordinadores de benestar neste eido, “especialmente pola atención personalizada a cada alumno, que contribúe a humanizar máis o noso sistema educativo”. A este respecto, indicou que actividades coma este congreso son unha proba da aposta da Consellería por ofrecerlles a estes profesionais formacións específica para mellorar as súas competencias.

O conselleiro lembrou que este curso se reforza o papel desta figura, que duplica as horas de dedicación. Ademais do incremento horario, a nova regulación introduce melloras como o recoñecemento desta función nos concursos de traslados e de orientación. 

Programa da xornada

O Congreso de coordinadores de benestar e convivencia forma parte da vía específica de formación habilitada pola Consellería para dotar estas persoas de ferramentas e recursos que faciliten o seu labor. Concibido como un lugar de encontro, de reflexión e de intercambio de prácticas educativas de éxito, o programa inclúe media decena de relatorios nos que se afonda na figura do coordinador de benestar, aplicación da normativa en materia de protección de datos e o novo Plan de Benestar Emocional, recurso da Xunta destinado ao alumnado, profesorado e familias para apoiar a intervención en situacións que dificulten a convivencia.

O congreso conta tamén coa presenza dun dos maiores expertos en educación emocional,  o doutor Rafael Bisquerra Alzina, e coa achega de Cristina Gutiérrez Lestón, investigadora no campo das competencias emocionais, que aborda os recursos prácticos que se poden aplicar nos centros neste eido. Así mesmo, hai espazo para o intercambio de prácticas exitosas en centros educativos de Galicia, a través da participación de representantes de cinco centros educativos, en concreto os colexios CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) e CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), e dos instituto IES Isaac Díaz Pardo (Sada), Maximino Romero de Lema (Zas) e Xograr Afonso Gómez (Sarria).

O encontro péchase coa actuación musical de alumnado do instituto IES Xesús Taboada Chivite (Verín), representación da actividade que desenvolven no marco do Programa Educación Responsable.