Os conselleiros de Educación e de Sanidade e a subdirectora xeral de Política Familiar reúnense con este órgano asesor do Goberno en materia educativa.
O Comité Educativo, vén de avaliar a creación de Comisións provinciais de Benestar e Convivencia como unha ferramenta transversal para abordar e xestionar, da maneira máis áxil e acertada posible, a atención neste eido ao alumnado que o precise.
Así se puxo de manifesto na xuntanza deste órgano asesor do Goberno galego en materia educativa, na que participaron os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e de Sanidade, Julio García Comesaña, así como a subdirectora xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia, Cristina Blanco.
Seguindo o modelo doutras xa en funcionamento, a implementación desta nova ferramenta ten como obxectivo coordinar mellor os medios necesarios para afrontar, de xeito rápido e eficaz, situacións emocionais que exceden a capacidade dos equipos directivos e de orientación dos centros educativos. Trátase, pois, de seguir proporcionando mecanismos para que o impacto da crise sanitaria afecte o menos posible á comunidade escolar.
Esta actuación enmárcase na liña de traballo que o Goberno da Xunta vén desenvolvendo nos últimos meses e que derivou en accións específicas como o Plan de Benestar Emocional, a creación da Rede de Acompañamento e Orientación de Galicia (con 32 centros de referencia para o seguimento individualizado e apoio ao alumnado vulnerable), ou a actualización do Protocolo de actuación ante o risco suicida.
O Comité Educativo foi informado das liñas mestras desta actualización, cuxos traballos se iniciaron en maio do ano pasado cando a Comisión Interdepartamental de Educación e Saúde acordou crear un grupo de traballo con técnicos de ambas consellerías para actualizar o protocolo existente desde 2018 ante a previsión de aumento deste tipo de casos por mor da situación de pandemia. Os resultados foron rematados este mesmo mes,
coa presentación dun protocolo actualizado que incorpora a atención ao risco suicida no Programa de Alerta Escolar e establece unha vía rápida de derivación aos servizos de saúde mental que permita a atención urxente do alumnado.
Compromiso de axudar ao sistema educativo e mellorar a atención sanitaria
O conselleiro de Sanidade lembrou que, xunto ao compromiso de axudar ao sistema educativo nesa detección precoz destes casos está tamén o de mellorar a atención sanitaria que reciben estes rapaces e destacou que a Xunta está a desenvolver desde o ano 2020 un Plan de Saúde Mental de Galicia , onde a atención á saúde mental da infancia e á adolescencia e a prevención do suicidio son clave. No ano 2021 o sistema sanitario galego pasou de ter tan só unha unidade de prevención do suicidio (a de Ourense) a crear outras cinco e este ano o obxectivo é consolidalas nas sete áreas sanitarias. Tamén no ano 2021 abriron dúas novas unidades de saúde mental infanto- xuvenil de carácter ambulatorio: na Coruña e en Vigo e a Xunta puxo en marcha os tres primeiros hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil en Vigo, Santiago e Ourense, para facer tratamentos de trastornos mentais que eviten os ingresos.
Así mesmo, deuse conta ao Comité Educativo do Plan de Acollida aos alumnos ucraínos o que está a traballar a Consellería de Educación, quen esta mesma semana remitiu unha resolución aos centros para o procedemento de escolarización inmediata destes nenos en idade escolar.