Día Mundial do Pan

Carballo celebra o Día Mundial do Pan co reparto de material promocional en colaboración coas panadarías.

Día Mundial do Pan (Foto: Concello de Carballo)
photo_camera Día Mundial do Pan (Foto: Concello de Carballo)

Carballo, un ano máis, celebra o Día Mundial do Pan. Nesta ocasión co reparto de material promocional en colaboración coas panadarías

Así, as postais gañadoras do concurso “Máis de Carballo que o pan” estarán dispoñibles a partir do luns 16 de outubro, e ata fin de existencias, na Biblioteca Rego da Balsa e no Museo de Bergantiños.

A historia de Carballo está moi ligada ao pan”, asegura o historiador Xan Fraga no libro Crónicas de Carballo I. De feito, no reconto de poboación do ano 1571 reflectíase que a parroquia de San Xoán Bautista contaba con oito veciños, e que todos “son labradores que labran pan e por el dicho oficio se sustentan”.

Catro séculos e medio despois, e malia que a poboación do municipio de Carballo supera os 31.000 habitantes, ese oficio non só sustenta o negocio dunha vintena panaderías e un muíño, senón que ao seu arredor nacen e medran novas empresas vinculadas aos sectores da alimentación e a hostalería.

Máis de Carballo que o pan

Seguir promocionando o pan de Carballo "para que dentro doutros catro séculos e medio siga conservando a súa boa sona" é o obxectivo dunha serie de actividades que vén impulsando o Concello dentro da iniciativa Máis de Carballo que o pan.

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Pan, realizarase un reparto de material promocional coma as bolsas de tea e os adhesivos coa imaxe do molete que protagoniza a campaña. En total distribuiranse outras 500 bolsas e 20.000 adhesivos, e ademais atoparás aos panadeiros e panadeiras ataviados cuns mandís especialmente deseñados para a ocasión.

A partir do martes, ademais, atoparás na Biblioteca Rego da Balsa e no Museo de Bergantiños as postais gañadoras do concurso realizado en redes sociais para celebrar o Día Mundial do Pan vinculado á conmemoración do Ano do Xestal,.

Segundo fontes municipais "O obxectivo de todas estas accións que vimos desenvolvendo ao longo do ano non é outro que fortalecer a marca Panadarías de Carballo, incrementar a proxección do noso pan fóra do municipio e da comarca coma un recurso gastronómico con grandes posibilidades turísticas e revalorizalo a nivel local con iniciativas que impliquen a outros sectores económicos, coma a hostalería".