O Galego se consolida como lingua maioritaria, según o IGE

Hoxe falan galego máis persoas que hai cinco anos, afirma o conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Román Rodríguez

O Instituto Galego de Estatística (IGE) fixo públicos hoxe os datos do Módulo de coñecemento e uso do galego da Enquisa estrutural a fogares de 2018, que mostran a consolidación da lingua galega como idioma maioritario de Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez compareceu esta mañá ante os medios para valorar os resultados. O conselleiro cualificounos de “positivos”, por canto é a primeira vez, desde que en 2003 se comezara a publicar este estudo, en que medra o número de persoas que fala o galego de maneira habitual. “Hoxe falan galego máis persoas que hai cinco anos”, cando se realizou o último estudo.

Román Rodríguez destacou, á espera de analizar polo miúdo toda a información que hoxe publicou o IGE, o incremento de máis de dous puntos dos pais e nais que lles falan o galego aos seus fillos, un feito que favorece a transmisión familiar da lingua. Ademais, recordou que seguimos sendo a comunidade autónoma que asegura uns maiores índices de coñecemento da lingua propia cooficial. “As cifras amosan que estamos ante un escenario sociolingüístico positivo, que reflexa un modelo de convivencia no uso das linguas”, afirmou. De feito, en eidos como a competencia escrita, acádase unha porcentaxe histórica de 86,79%.

Máis galego na vida cotiá,

na familia e nas redes sociais

Por primeira vez desde que

en 2013 se publicara o módulo do IGE relativo á lingua, medra lixeiramente a

porcentaxe de persoas galegofalantes, entendendo por tales as que falan só o

galego e máis galego ca castelán, ata chegar a sumar un 51,88% da poboación (fronte

ao 50,90% da enquisa anterior, correspondente a 2013). Se a elas lles sumamos

as bilingües con predominio do castelán, temos que se incrementa ata un 75,02%

a porcentaxe de galegos que emprega nalgunha medida o idioma propio de Galicia

na súa vida cotiá (72,9% na enquisa de 2013), o que supón preto de dous millóns

de falantes. Os datos mostran, así mesmo, un pequeno incremento do bilingüismo

fronte ao monolingüismo, tanto en galego (que case se mantén) como en castelán

(cun descenso un pouco maior).

O galego parece

mellorar tamén os seus índices de transmisión familiar, dado que crecen en máis

de dous puntos e medio os pais e nais que se dirixen exclusivamente en galego

aos seus fillos, ata alcanzar o 44,34% dos proxenitores. En todo caso, son

maioritarios os fogares nos que se falan ambas as linguas indistintamente, en

concreto un 62,9%. Paralelamente, a porcentaxe de poboación que fala galego nas

xeracións máis novas increméntase un punto, tanto de 5 a 14 anos como de 15 a

29.

O IGE incorpora na enquisa

de 2018 un dato novo relativo ao uso do galego nas redes sociais, que alcanza a

case un 48% da poboación que as emprega. Constátase unha melloría no uso do

galego en internet, o comercio ou a lectura, entre outros.

E se os datos de uso

semellan alentadores, os de coñecemento do galego continúan a ser os mellores

entre as linguas cooficiais do Estado español, con descensos na porcentaxe de

cidadáns que non saben falar nada (menos do 3% da poboación) nin escribir en

absoluto o galego (arredor do 13%).

Módulo de coñecemento e uso do galego

O Instituto Galego de Estatística (IGE)

é un organismo autónomo da Xunta de Galicia creado no ano 1988 e que se rexe

basicamente pola Lei 9/1988 de Estatística de Galicia. Presta  servizos de recompilación e difusión da

documentación estatística dispoñible, desenvolve bases de datos de interese

público, analiza as necesidades e a evolución da demanda de estatísticas e

asegura a súa difusión.

Anualmente, elabora a súa Enquisa

estrutural a fogares, antes denominada Enquisa de condicións de vida das

familias, para a cal se realizan case 10.000 entrevistas, o que asegura a

calidade das estatísticas resultantes. A dita enquisa consta dun módulo xeral,

con informacións sobre variables básicas, e diversos módulos específicos. Entre

estes últimos encóntrase o Módulo de coñecemento e uso do galego, que se

realiza desde o ano 2003 cunha periodicidade quinquenal.