"Galicia contará con sete das mellores residencias de maiores do mundo"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia contará con sete das mellores residencias de maiores do mundo grazas á colaboración entre o Goberno autonómico e a Fundación Amancio Ortega (FAO). Fíxoo, en compañía da presidenta desta entidade, Flora Pérez Marcote, e da conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, durante a entrega do primeiro destes centros: o de Santiago de Compostela.
Esta nova residencia, financiada integramente na súa construción e equipamento pola FAO, entrégase chave en man á Xunta para integrarse na rede pública, ten 120 prazas —distribuídas en 42 habitacións individuais e 39 dobres—, zonas de atención especializada —con salas de terapias e consultas médicas— e servizos de comedor, podoloxía, lavandería ou salón de peiteado, entre outros. Unha mostra do carácter vangardista do centro son as unidades psicoxeriátricas coas que conta, para a atención ás persoas con alzhéimer e outras demencias. Con este novo centro, contan xa con prazas públicas máis de 15.000 persoas en Galicia, máis do triplo que en 2009.
O centro de Santiago de Compostela, executado segundo o modelo creado por Elsa Urquijo Arquitectos, é un dos sete primeiros que se entregarán á rede pública autonómica, segundo o Convenio asinado o 13 de novembro de 2019 coa Xunta de Galicia. En total, a aportación da FAO para o proxecto é de 180 millóns de euros, superior a cantidade prevista inicialmente, debido á calidade do proxecto construtivo e o carácter vangardista do equipamento instalado. Nas cidades de Lugo, A Coruña, Pontevedra e Ferrol os traballos de construción están en plena execución, e nos estadios de tramitación urbanística as residencias de Ourense e Vigo.
Así, a FAO investiu cerca de 25 millóns de euros na construción e o equipamento deste centro de Santiago, que a Xunta complementa cunha partida de 400.000 euros para a urbanización da parcela na que se que se atopa o edificio, no barrio do Castiñeiriño. Rueda agradeceu “o compromiso, implicación e dedicación” da Fundación Amancio Ortega no eido social que se traduce en proxectos coma as sete residencias públicas que van construír —para ampliar en 900 as prazas da rede pública autonómica—, as escolas infantís impulsadas en oito concellos ou os centros interxeneracionais de Ourense e Arteixo.
Fundación
A Fundación Amancio Ortega Gaona desenvolve as súas actuacións en áreas fundamentais para o benestar social: a educación, a saúde e a mellora dos servizos asistenciais ás persoas máis vulnerables.
Ademais do proxecto de centros de atención integral a maiores e as 9 escolas infantís entregadas á Xunta, ao longo dos anos a FAO facilitou a creación, entre outros, da sede de Proxecto Hombre en Galicia e o centro de atención integral de AMENCER en Vigo, o Centro de formación de ASPACE e o Centro Integral de Asistencia Social da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos, estes dous na provincia de A Coruña.
Compromiso da Xunta cos maiores
O presidente asegurou que o Goberno autonómico comparte ese compromiso coa atención e mellora de calidade de vida dos maiores, o que se plasma no feito de que nos orzamentos de 2024, os máis altos da historia de Galicia, a área de políticas sociais “reciba máis recursos que nunca” con máis de 1300 millóns de euros.
Nesta liña, Rueda resaltou que a Xunta traballa para que os maiores poidan elixir con liberdade como vivir esa nova etapa vital. Por iso, tal e como se anunciou no Debate sobre política xeral, o Goberno galego reforzará os apoios en 2024 para os maiores, tanto os que precisan coidados como os que gozan de boa saúde e teñen plena autonomía: velaí o bono universal de 5000 euros ao ano para todas as persoas dependentes coidadas na súa casa, o complemento de 1200 euros para as que xa contan cun bono para cofinanciar o centro residencial que desexe e o Carné +65, con descontos para os maiores en establecementos, servizos ou ocio.