A directora e o xerente de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e Gonzalo Mosqueira, respectivamente, mantiveron un encontro cos representantes dos municipios da área da Coruña para tratar conxuntamente as posibles medidas a adoptar en aplicación do Plan especial de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o estado de “alerta por escaseza” de auga, declarada o pasado 27 de setembro pola Oficina Técnica da Seca nesta conca.
Na xuntanza convocada pola Xunta participaron representantes dos concellos da Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo, Oleiros, Sada e de Emalcsa, como xestora do embalse de Cecebre.
No encontro ratificouse que as reservas do encoro de Cecebre seguen baixando, cunha ocupación actual do 45,57%, inferior á dos anos precedentes.
Por iso desde Augas de Galicia solicitouse ás entidades locais da área con máis de 20.000 habitantes a entrega inmediata do Plan de seca municipal, ao que están obrigados por lei. Este documento de planificación tamén se lle requiriu a Emalcsa, como responsable do abastecemento en alta deste sistema.
Medidas a tomar
Ademais abordáronse as medidas que se deberán adoptar conxuntamente, no caso de empeoramento da situación do encoro de Cecebre, incluíndose a posibilidade de incrementar os recursos dispoñibles combinando fontes de subministro ou activando reservas estratéxicas de auga, como a existente no lago das Encrobas.
Desde Augas de Galicia incidiuse na importancia de que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos de auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.
No encontro cada concello tivo oportunidade de comentar a súa situación particular constatándose a diversidade de situación existentes.
Na xuntanza coincidiuse na importancia das medidas de concienciación e sensibilización á cidadanía para favorecer o aforro de auga, evitando malgastala. E incidiuse na necesidade de manter as medidas de redución de consumo por parte dos concellos e un uso responsable da auga por parte de toda a cidadanía.
A Xunta continuará mantendo un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, de competencia autonómica, e das posibles incidencias que se detecten.