A Xunta agarda unha resposta oficial do Ministerio de Fomento
A Xunta de Galicia agarda que o Ministerio de Fomento traslade de forma oficial unha resposta unívoca á proposta conxunta do Goberno galego e do Concello de Arteixo sobre a AG-55, e que esa contestación se fundamente, ademais, na mellor defensa do interese xeral. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade solicita que o Goberno de España analice con obxectividade o convenio proposto.
O Goberno galego aclara que a proposta trasladada deberá, en todo caso, formalizarse co Executivo que se constitúa en España tras as eleccións do vindeiro 10 de novembro, e, como non podía ser doutro xeito, a proposta da Xunta se manterá con independencia do resultado deses comicios. A proposta presentada o pasado martes responde á vontade da Xunta de contribuír a solucionar unha situación irregular e de conflito institucional en relación cos accesos ao Porto exterior da Coruña.
O Ministerio de Fomento aprobou no ano 2017 o estudo
informativo da prolongación dos accesos ao porto de Langosteira que supón un
investimento de 32 millóns de euros e non prevé ningún enlace co polígono do
Vío.
Esa prolongación, que se mantén sen avances desde 2017, é obxecto dun recurso xudicial por parte do Concello de Arteixo. Ademais, o seu trazado é incompatible co plan sectorial viario da Xunta de Galicia para a comarca da Coruña, ademais de co Plan especial para a “vía de acceso ao porto exterior-conexión AC-14 ata o límite municipal de Arteixo” aprobado polo Concello da Coruña.
A incompatibilidade das propostas pode apreciarse na seguinte imaxe, na que se superpoñen os trazados, pero de modo que a vía planificada polo Ministerio de Fomento non permite todos os movementos nos enlaces coa AG-55 e a Terceira Rolda, e tampouco prevé o acceso ao polígono de Vío que si prevé o planeamento municipal. En definitiva, nin vertebra a comarca nin presta servizo aos polígonos:
A execución desa alternativa requiriría dun investimento
estimado nun mínimo de 32 millóns de euros, fronte aos 19 que suporía asumir
por parte do Estado a titularidade da AG-55 libre de peaxe entre A Coruña e
Arteixo. Para esta última alternativa, a Xunta proponlle ao Ministerio de
Fomento o pago de 3,8 millóns de euros anuais durante 5 exercicios.
Ademais de evitar o impacto económico e territorial que
supón a construción dunha nova estrada, a fórmula proposta pola Xunta
permitiría acabar coa actual situación irregular pola que actualmente 19.000
vehículos ao mes acceden ao Porto exterior da Coruña a través dunha vía de
titularidade autonómica e non mediante un itinerario continuo da rede estatal,
como establece a Lei de estradas.
Se o Ministerio de Fomento asume a titularidade da AG-55
entre A Coruña e Arteixo, a continuidade dese itinerario estatal continuo e libre de peaxe cara ao
porto de Langosteira quedaría garantido.
Xunto con isto, hai que ter en conta que o Ministerio de
España non está a aboar a peaxe en sombra comprometida polo acceso gratuíto dos
vehículos ao Porto Exterior da Coruña a través da AG-55.
A proposta da Xunta ofrece unha solución racional, inmediata, máis económica e con menor impacto territorial para unha situación irregular que non beneficia nin satisfai a ninguén, polo que o Goberno galego agarda que o Ministerio de Fomento a valore co necesario rigor e primando a defensa do interese xeral co unha resposta oficial.