O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha da cuarta edición do Bono Comercio, que contará cun orzamento de 2,5 millóns de euros para gastar en establecementos comerciais galegos de proximidade e que ten como obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación na economía das familias.
O mandatario galego adiantou no Pleno do Parlamento de Galicia esta reedición do Bono Comercio —que se aprobará no Consello da Xunta— e que, segundo precisou, permitirá, como nas anteriores ocasións, descargar un bono desconto de 30 euros para as compras que se realicen nos comercios adheridos. Poderá descargarse a partir do vindeiro 9 de outubro. Nas edicións previas, logrou que se mobilizasen 54 millóns de euros.
“Os problemas das familias preocúpannos e ocúpannos”, aseverou Rueda, quen incluíu o Bono Comercio dentro das medidas concretas que está a levar a cabo desde hai tempo o Goberno galego ante os problemas importantes que teñen as familias pola suba dos prezos, e que atribuíu especialmente aos efectos da guerra de Ucraína.
Axudas da Xunta ás familias que xa están en marcha
Precisamente, o presidente da Xunta fixo especial fincapé nas actuacións que xa está aplicando a Xunta ante este contexto socioeconómico. Así, salientou as axudas que permiten cada ano ao inicio do curso escolar un aforro ás familias galegas de 200 millóns de euros. A maiores, subliñou os 55 millóns de euros que o Goberno galego destina á gratuidade das escolas infantís ou o feito de que Galicia conte co calendario de vacinación infantil máis avanzado do mundo, “e iso tamén son millóns de euros de aforros”, aseverou.
Nesta liña, tamén destacou que Galicia é a primeira comunidade en equiparar en materia fiscal as familias de dous fillos coas numerosas e que supón, segundo detallou, “250 euros de aforro como mínimo para cada familia”. Á vez, valorou a rebaixa por cuarta vez consecutiva do IRPF, “500 euros mínimo cada familia con respecto ao Goberno bipartito do PSdeG-BNG”, comparou.
Nesta batería de medidas do Goberno galego para axudar as familias, Rueda tamén considerou importante a conxelación das peaxes das estradas autonómicas e tamén das taxas universitarias, neste caso, desde hai 12 anos. Finalmente, salientou os 100 millóns de euros destinados este ano a axudar ás persoas autónomas e o incremento no Orzamento de 2023 dun 25 % da partida dirixida á inclusión social, “que vai para as familias que máis a necesitan cando máis falta fai”, remarcou.
“Impórtannos as familias e faremos o vindeiro orzamento mirando por elas”, comprometeuse para concluír en referencia aos Orzamentos de 2024, nos que se incluirá o Bono Deporte de 120 euros para axudar a familias con rapaces e rapazas federados de entre 6 e 16 anos. Será por cada fillo ou filla e dirixido á compra de material e equipamento deportivo, asistir a clases ou anotarse nun centro deportivo.