O fomento do emprego conta con dúas líñas de axudas e podense solicitar ata o 30 de setembro
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor o programa de axudas Aprol Economía Social. O Goberno galego prevé este ano apoiar a incorporación de 250 socios en 120 cooperativas. Será a través dun orzamento que aumenta nun 8,15% con respecto a 2020, ata chegar aos 3,3 millóns de euros. Lorenzana destacou a importancia que ten a economía social en Galicia, que representa un selo de identidade e unha peza clave no tecido económico galego. Representa un peso do 7% no PIB e con especial presenza no rural. “Ten sen dúbida un papel decisivo na reactivación do noso tecido produtivo”, indicou.
Aprol Economía Social, que pódese solicitar ata o 30 de setembro, conta con dúas liñas de axuda para fomentar a creación de emprego en cooperativas e sociedades laborais:
- Por un lado, dispón de apoios orientados a facilitar a incorporación como socios traballadores a persoas sen emprego, con carácter temporal ou a proba. Como novidade, dáse a posibilidade de apoios a aquelas cooperativas ou sociedades laborais que proceden da reconversión ou transformación de empresas mercantís. Poderá ser cando incorporen como socios a persoas que tiñan unha relación laboral estable na empresa de orixe. Esta liña de axudas, destinada polo tanto ás empresas, ten un orzamento de 1,82 millóns de euros.
- Doutra banda, a segunda liña de axudas, dotada con 1,5 millóns de euros, abarca financiamento dirixido a persoas desempregadas. É para promover a súa incorporación a empresas de economía social. Se fará facilitando a achega ao capital social que resulta necesaria para a súa incorporación á cooperativa. Poden tamén ser beneficiarios do programa as persoas asalariadas, socias a proba ou a tempo parcial. O obxectivo é conseguir a consolidación dos seus empregos e a plena integración na cooperativa ou sociedade laboral. Outra novidade é o acceso a aquelas persoas emprendedoras que, iniciando unha actividade económica por conta propia, se incorporen a unha cooperativa en réxime de exclusividade.
O que máis o precisa
Ambas liñas de axudas contemplan apoios que parten dunha contía base xeral de 6.000 euros (será de 3.000€ no caso de que a axuda sexa para socios a tempo parcial que pasen a tempo completo) con incrementos acumulables do 25%. Isto é para favorecer o emprego a colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado laboral como son:
- as mulleres
- maiores de 45 anos
- persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social
- emigrantes retornadas
- persoas trans
- aqueles casos nos que o centro de traballo ao que se incorpore a persoa social estea situado nun concello rural
Esta iniciativa, ademais, contempla un tratamento singular para as persoas mozas menores de 30 anos (35 anos si se trata de persoas con discapacidade), promovendo a creación e consolidación de cooperativas xuvenís. Inclúe incrementos significativos ás contías xerais e prevé incentivos específicos para a incorporación como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba para menores de 30 anos. En palabras de Lorenzana, Aprol Economía Social é unha ferramenta “de impulso e reforzo da nosa economía social. Permitiu en catro anos que arredor de 2.000 persoas se incorporaran a un milleiro de cooperativas. Só en 2020, este programa permitiu dar apoio a 109 cooperativas e 236 novos socios e socias.
A conselleira, por último, fixo referencia a outros programas que promove a Xunta para impulsar a economía social como son dúas novas medidas que se porán en marcha este ano:
- Es-Transforma cun millón de euros. Estará centrado en axudar a empresas que por motivos económicos ou por falta de relevo xeracional teñen perspectiva de peche e queiran transformarse en empresas de economía social
- Bono Consolidación con 2,87 millóns de orzamento. Terá como fin achegar a 300 empresas axudas para a cobertura de gastos e para a realización de pequenos investimentos para a consolidación e adaptación ao novo contexto económico e a era dixital