As tres administracións xunto cos vecinos están a valorar a implantación dun polígono agroforestal de preto de 85 hectáreas. No caso de materializarse sería o primeiro da comarca.
Neste sentido, Inés Santé mantivo unha reunión para informar das vantaxes dos instrumentos que contempla a Lei de recuperación.
Ademais na xuntanza particaron os alcaldes de ámbolos dous concellos, Juan García, de Coristanco, e Evencio Ferrero, de Carballo. O obxectivo central foi dar a coñecer a iniciativa, resolver as posibles dúbidas e arrincar un primeiro compromiso de participación por parte da veciñanza.
Así o 25 de agosto, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona -en concreto, na parroquia de Erbecedo-, cunha superficie de 84,73 hectáreas distribuídas en 407 parcelas propiedade de 261 titulares.
Tamén Santé lembroulles aos veciños que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea, non só para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, senón tamén para mellorar a estrutura da propiedade facilitando así a actividade agrogandeira e incrementando a súa rendibilidade.
De feito, en Galicia hai 24 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai xa dous anos-, mobilizando máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de máis de 7.900 veciños.
Tal como explicou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, o polígono agroforestal “vaise facer se os propietarios queren. Se queren, por parte da Xunta hai boa disposición”.
Pasos a seguir
O primeiro paso será, a investigación da titularidade das terras. A partir de aí enviarase unha notificación individual a cada propietario/a, que debe amosar a súa conformidade. Para o desenvolvemento do proxecto é preciso o acordo das persoas titulares do 70% da superficie.
A representante da Xunta explicou que o polígono agroforestal é similar á concentración parcelaria, aínda que vai un paso máis alá. Esta figura obriga á propiedade a escoller entre “poñer a producir a parcelar, vender ou arrendar”. No caso de que se opte pola venda, a Xunta de Galicia convocaría un concurso público, e no caso do arrendamento, as parcelas pasarían a formar parte do Banco de Terras.