A Xunta inviste case 2,7 millóns de euros en incentivar a contratación de persoas mozas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou as axudas concedidas ao abeiro da orde de 2023 para a concesión de incentivos á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil, téndose logrado case 300 contratos.
No marco da orde do ano pasado ao efecto, impulsáronse en total 291 contratos dun mínimo de 9 meses de duración a xornada completa.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que dá publicidade ás axudas concedidas por 2.691.000 euros para incentivar a contratación de persoas mozas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil. No marco da orde do ano pasado ao efecto, impulsáronse en total 291 contratos dun mínimo de 9 meses de duración a xornada completa, co obxecto de proporcionarlles a estas persoas unha práctica profesional que facilite a súa inserción laboral.
Cómpre lembrar que as beneficiarias desta convocatoria eran persoas empregadoras ou empresas, calquera que fose a súa forma xurídica, que contratasen por conta allea a menores de 30 anos inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil. Cunha contía de 9.000 euros por persoa contratada, os contratos podían ser de dous tipos: de formación en alternancia ou destinados á adquisición de práctica profesional.
Galicia cumpre
Esta medida compleméntase este ano con outras novidosas como o programa de 1ª experiencia profesional co que a Xunta incentiva a contratación de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens. Trátase dunha das medidas anunciadas polo presidente Alfonso Rueda para os primeiros 100 días da lexislatura.
Cun orzamento global próximo aos 4,2 millóns de euros e con contías de ata preto de 20.000 euros por persoa contratada, a previsión é incorporar neste caso entre 250 e 410 persoas en toda a Comunidade mediante contratos formativos de 12 meses de duración, dotándoas de competencias para poder acceder a un emprego estable e de calidade.
As persoas e entidades interesadas teñen ata o 30 de setembro para presentar as súas solicitudes de axuda ao abeiro deste programa mixto, que ademais de impulsar con apoios económicos a contratación a tempo completo, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional moi demandadas polo mercado laboral.
Trátase de medidas da Xunta para o fomento do emprego xuvenil, unha firme aposta con políticas deseñadas especificamente para este sector de poboación. Neste plan, ademais das iniciativas mencionadas, enmárcase o programa Investigo para a xeración de emprego xuvenil no eido da investigación e dotado este ano con 4,8 millóns de euros, así como os obradoiros de emprego para persoas mozas que contan cun orzamento de 6,5 millóns de euros para este exercicio e o vindeiro.
A maiores, cómpre engadir convocatorias como o programa Galicia Emprega, que ten unha achega específica de 3 millóns de euros dirixida á contratación indefinida de persoas menores de 30 anos.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240603/AnuncioG0767-220524-0002_gl.html