Engádense aos 57 ciclos que comezaron o ano pasado e que no vindeiro curso impartirán módulos de segundo curso en outros idiomas.
A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución definitiva pola que se autoriza un total de 66 ciclos formativos plurilingües que comezan no curso académico 2022/23 en 33 centros educativos galegos. En 57 deles a formación realizarase a través de módulos en inglés, en dous deles en inglés e francés e en sete en portugués. Estes novos ciclos súmanse aos 57 iniciados no pasado curso 2021/22, que no vindeiro curso impartirán módulos de segundo curso en outros idiomas.
Deste xeito, este ano haberá en Galicia un total de 33 centros con esta oferta (seis máis ca no pasado curso) a razón de 13 na provincia da Coruña, 4 en Lugo, 5 en Ourense, e 11 en Pontevedra. Aos que impartían ciclos plurilingües o curso pasado incorpóranse o CIFP Politécnico de Santiago, CIFP Compostela, CIFP Fraga do Eume, CIFP Imaxe e Son, CIFP Paseo das Pontes, IES Poeta Díaz Castro, CIFP Fermín Bouza Brey.
Estes ciclos correspóndense con 71 titulacións diferentes de FP que impartirán parte do seu currículo nunha lingua estranxeira neste curso 2022-23.
Mellora das competencias lingüísticas
Os ciclos formativos plurilingües teñen como finalidade a mellora das competencias lingüísticas do alumnado de FP co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos. Neste sentido, o desenvolvemento de habilidades de comunicación oral e escrita en linguas estranxeiras facilitará o desempeño laboral dos titulados no espazo europeo, na liña de internacionalización da FP que está a impulsar a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través de iniciativas como o programa Erasmus+.
Ademais, esta liña de acción dá resposta ás necesidades de formación e competencias lingüísticas expostas polas empresas e institucións que participan nos proxectos de FP dual de Galicia.
Esta actuación encádrase dentro do Programa de Cooperación Territorial «Plan de Modernización de la Formación Profesional», e da Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030. Poderá ser obxecto de cofinanciamento polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e pola Unión Europea-NextGenerationEU no marco do programa de cooperación territorial «Plan de modernización de la formación profesional», destinado ao redimensionamento da oferta de formación profesional, no marco do Compoñente 20 «Plan estratéxico de impulso da formación profesional», do Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia.