Un total de 19 concellos e 2 consorcios da provincia da Coruña xa contan coa súa Administración Electrónica grazas á plataforma creada pola Deputación da Coruña dentro do Plan de Administración Electrónica Municipal que ofrece acceso as 24 horas do día durante os 365 días do ano, entre eles o de Arteixo.
Con esta plataforma, a institución provincial puxo a disposición dos concellos unha ferramenta que permite realizar trámites municipais de forma telemática coma, por exemplo, consultar o estado dun trámite, obter un volante de empadroamento ou consultar todo tipo de expedientes, precisando unicamente o DNI electrónico ou un certificado electrónico, mantendo así todas as garantías legais, de confidencialidade e de seguridade.
O investimento realizado pola Deputación da Coruña para pór en marcha a plataforma é de 177.000 euros, e os concellos que a utilicen non teñen que realizar ningunha achega. En caso de que estes decidiran implantar a súa propia sede, o custe por dito servizo para cada un dos concellos sería similar ao que aporta a Deputación.
A día de hoxe, xa teñen en marcha a súa sede os concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Boqueixón, Cabana de Bergantiños, Cariño, Carnota, Corcubión, Miño, Mugardos, Negreira, Ordes, Oroso, Ortigueira, Ponteceso, As Pontes, Sada, Vedra, Vimianzo e os consorcios das Mariñas e o Provincial Contraincendios e Salvamento.
Os próximos concellos en contar con esta ferramenta este mesmo mes serán o de Betanzos, Cerceda e Irixoa. Xa teñen tamén asinado o convenio para unirse a esta plataforma os concellos de Ames, A Baña, Boimorto, Boiro, Camariñas, A Capela, Cerceda, Cerdido, Coristanco, Dumbría, Irixoa, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Melide, Moeche, Monfero, Muxía, Neda, Pontedeume, San Sadurniño, Santa Comba, Santiso, As Somozas, Touro, Val do Dubra, Valdoviño, Vilarmaior e Vilasantar.