A Xunta vén de adxudicar as obras de ampliación da calzada nun tramo da travesía de Vilarrodís, á altura do polígono de Sabón, no Concello de Arteixo, por un investimento de preto de 885.000 euros.
Estes traballos
serán levados a cabo pola empresa Arias Infraestruturas S.A e contan cun prazo
de execución duns 6 meses.
A actuación ten por obxecto a ampliación da
calzada na estrada autonómica AC-552, no treito entre os puntos
quilométricos 9+000 e 9+650, situado á altura do Polígono de Sabón.
A actuación iniciase no punto quilométrico
8+850, antes da intersección coa rúa Teresa de Calcuta, e finaliza no
9+760, na intersección coa rúa Reconquista, antes da glorieta
coa Avenida da Ponte. Os traballos consistirán na ampliación da
plataforma da vía pola súa marxe dereita para dotar á estrada en sentido
Fisterra dun segundo carril mais a correspondente beiravía ou zona de
aparcamento.
Para mellorar a seguridade viaria e a fluidez
do tráfico na intersección coa travesía da Groufa proxéctase nese cruce unha
glorieta que terá un diámetro exterior 36 m.
A obra compleméntase coa instalación dos
elementos necesarios para garantir a drenaxe axeitada, de muros para
contención de terras e reducir a ocupación nas parcelas colindantes e
co traslado e acondicionamento das dúas paradas de bus existentes,
executando unha beirarrúa desde os puntos nos que se sitúan ata os
pasos de peóns máis próximos.
Esta nova
actuación enmárcase dentro das actuacións do Goberno galego a prol da
mellora da seguridade viaria, que redundan na mellora da
calidade de vida da cidadanía.