A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe na Plataforma de Contratación de Galicia a licitación das obras de ampliación do saneamento e o abastecemento na parroquia de Larín, en Arteixo, por un investimento de case 156.000 euros.
As empresas interesadas na execución destes traballos poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 29 de abril. O proxecto define as actuacións para completar as redes de servizos de abastecemento e saneamento nos lugares de Larín de Arriba, Salto do Carro e Groba de Abaixo, pertencentes á parroquia de Larín.
Executarase unha rede de colectores, diferenciados en catro tramos que recollerán as augas residuais das vivendas situadas nas marxes da estrada provincial DP-0507 e outro grupo pequeno de inmobles, para conducilas á estación depuradora de augas residuais de Groba.
A Xunta, con estas actuacións, dálle resposta ás necesidades en infraestruturas hidráulicas desta parroquia, que está a rexistrar unha crecente actividade turística, polo que é precisa a ampliación de servizos básicos, como o abastecemento e o saneamento.