O Plan da Xunta de nova arquitectura pedagóxica avanza na execución

arquitectura pedagóxica plan xunta de galicia

O Plan de arquitectura pedagóxica acada o 50% de execución: 439 obras e un investimento de 91 millóns de euros.
 
A Xunta de Galicia avanza no desenvolvemento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Este Plan é a folla de ruta para a
modernización dos centros educativos cun novo modelo de escolas poscovid. O obxetivo é que a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe.

Neste sentido, o nivel de execución prevista para o período 2021-2024 roza xa o 50%, cun total de 439 obras en marcha desde 2021 por un importe de máis de 91M€ sobre os 191M€ totais.

Destas actuacións, o 41% son de grande envergadura, un total de 180 obras por importe de case 87M€ que se atopan en distintas fases: rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación este ano.

Así, no apartado de nova licitación, a maior parte son rehabilitacións integrais e enerxéticas e melloras sectoriais, a través das que se mellora a eficiencia dos centros educativos (illamento térmico das fachadas, cambios de cubertas, cambio de fiestras, renovación de luminarias, etc).

Por outra banda, tamén se asume a construción de centrais de biomasa para dar servizo a varias infraestruturas e afondar nos obxectivos de acadar uns centros educativos máis respectuosos co medio ambiente.

No relativo ás obras de pequena e mediana envergadura realizadas no verán, 259 actuacións por importe de máis de 4,7M€, trátase de reformas e adaptacións en diferentes zonas dos centros (como aseos e comedores), ampliacións de aulas, melloras de accesibilidade, actuacións nos peches dos recintos, así como traballos de modernización e para mellorar o confort de alumnos e profesores.

Ademais o Goberno galego está a renovar o mobiliario dos centros educativos para adaptalos as novas metodoloxías cun total 42.686 unidades e case 5M€; e cofinanciando xunto aos concellos 33 pistas multideporte por 2M€.