Os socialistas levan ao pleno de maio o arranxo "inmediato" do firme dunha senda e tamén, avanzar en dereitos LGBTI
O grupo municipal socialista pedirá no próximo pleno o arranxo do firme da senda peonil que sae da rúa Sevilla e Codeseira de Meicende. Trátase do tramo na entrada ao parque da Cega situado entre o colexio e a igrexa. A voceira no concello, Patricia Boedo, explica que recibiu a solicitude da veciñanza, pola situación de inseguridade. É unha senda que utilizan moitos veciños do barrio para circular dende o Petón cara a Travesía de Meicende. “É fundamental que nun concello con tanta capacidade económica, se prioricen as inversións en seguridade e a calidade de vida dos nosos maiores e xentes que teñen dificultades para a súa mobilidade”, declara Boedo.
Concello libre de LGBTIfobia
Pola celebración do 17 de maio, Día Internacional contra a LGBTIfobia, o grupo municipal socialista de Arteixo levará tamén ao vinceiro pleno unha moción para continuar cos avances en dereitos LGBTI. Os mesmos foron acadados a nivel global para protexer ás lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais nun gran número de países.
Por iso presentarán á consideración do pleno da corporación municipal, declarar o Concello de Arteixo, "Concello libre de LGBTIfobia". Ao mesmo tempo instar a Xunta a que de cumprimento ao artigo 8 da Lei 2/2014 do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia. Así mesmo piden crear os Servizos Municipais de Información, Atención e Asesoramento LGBTI, con persoal especializado e dotación orzamentaria para o desenvolvemento da súa actividade.