Arteixo e A Laracha organizarán un novo obradoiro de emprego xuvenil

Os Concellos de Arteixo e A Laracha volven a unirse para levar a cabo un obradoiro de emprego. “A Laracha-Arteixo: pola capacitación xuvenil 2015-2016”...

Anterior edición do obradoiro de emprego Arteixo-A Laracha.

O Concello de Arteixo e o Concello da Laracha volven a unirse para levar a cabo un obradoiro de emprego. “A Laracha-Arteixo: pola capacitación xuvenil 2015-2016” é un proxecto dirixido a mozos de entre 18 e 25 anos de idade e que será cofinanciado pola Consellería de Traballo a través do Fondo Social Europeo cunha achega económica que ascende aos 173.045,98 euros.

Nos próximos días representantes de ambos gobernos locais e persoal técnico municipal manterán unha reunión na que consensuarán o contido exacto do programa, a distribución dos 19 alumnos en cada especialidade, as actuación, obras e servizos que se van levar a cabo e as funcións exactas que se encomendarán ao persoal directivo, docente e auxiliar.

As especialidades estarán relacionadas, por unha parte, cos servizos administrativos e, por outra banda, con actividades en centros de xardinería e viveiros, constando cada módulo dunha etapa formativa con alternancia laboral. O obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo: pola capacitación xuvenil 2015-2016 terá unha duración de seis meses e comezará antes de que finalice o ano actual.

Os mozos que desexen optar a ser uns dos dezanove alumnos-traballadores deben ter entre 18 e 25 anos, atoparse en situación de desemprego e estar inscritos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.