A vindeira fin de semana ExpoCoruña acollerá a segunda edición das Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, que se celebrarán o domingo 27 e o luns 28 de outubro. A organiza a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia. Nestas xornadas presentaranse produtos de 41 obradoiros artesanais, que se maridarán co traballo de representantes da nova cociña galega nun espazo de diálogo creativo. As novas propostas artesanais presentaranse ao longo dos dous días de celebración do evento, que estará dirixido a profesionais da gastronomía, hostalería e restauración.
Nesta segunda edición se representarán os oficios artesáns de cerámica, madeira, cestería, téxtil, vidro, así como coitelería, xoiería, serigrafía e ilustración, decoración e escaparatismo e arranxos florais. Exporán unha selección dos seus produtos, focalizando a atención na experimentación con novos materiais, que permitirán estreitar lazos profesionais, crear novos contactos e servir como xermolo de proxectos futuros no eido da cociña e a restauración. O programa de actividades permitirá aos visitantes tomar contacto cunha oferta da artesanía galega actual que pon en valor a cultura e os valores tradicionais pero tamén coa mirada posta no futuro. No evento maridaranse a cociña e a artesanía galega nun espazo de diálogo, creativo, no que as novas propostas artesanais se presentarán ao longo dos dous días de celebración do evento a cargo de cociñeiros de prestixio que empratarán en soportes de artesanía.
Celebraranse showcoockings a cargo de Iván Domínguez, do restaurante Nado (A Coruña) e Miguel González, do H. Rústico San Jaime (Ourense) na xornada do domingo, e de Lucía Freitas, da Tafona (Santiago) e Pablo Pizarro, de Bocanegra (A Coruña) o luns. Así mesmo, Cristian Santiago Breijo, de Marea Restaurante (Cariño) farase cargo da Sesión Vermú do domingo e Pablo Morales, de Hazabiro Concept (A Coruña) dun Taller Brunch o luns. O espazo de artesanía estará aberto ao público xeral en horario de 11,00 a 21,30 horas, mentres que os profesionais que queiran acceder ao espazo de cociña, no que se realizarán os showcoockings, deberán facelo con invitación previa.
Os produtos cerámicos estarán representados por Arobe Cerámica (A Coruña), Branqueta (A Coruña), Carmen Isabel (Malpica de Bergantiños, A Coruña), Cerámica Unzueta (Brión, A Coruña), COPIA_cerámica (Santiago de Compostela), Fani Sánchez Barreiro (A Coruña), Lanalutum (Lugo), Laura Delgado Cerámica (Cambre, A Coruña), Manuel Figueiras Cerámica (Muros, A Coruña), Mi madre no me deja (Lugo), Misoco (Vigo, Pontevedra), Obradoiro Fernando Porto (A Estrada, Pontevedra), Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños, A Coruña), Ojea Studio (Vigo, Pontevedra), Raposiñas. Cerámica feita devagar (A Pobra do Caramiñal, A Coruña), Rectoral de Gundivós (Sober, Lugo), Regal Cerámica Artesán (Viveiro, Lugo), Verónica Moar. Cerámica (A Coruña), Víctor Ares (A Coruña) e Witchneeds/Ana Tenorio (Vigo, Pontevedra).
Do ámbito da decoración e o escaparatismo participarán Almudena Rodríguez Giráldez/ Denadinteriores (Santiago de Compostela) e Spacio b (Teo, A Coruña). Ademais darase a coñecer Floriforma (Teo, A Coruña) con arranxos florais, as serigrafías de Amorote printing workshop (Ames, A Coruña), as ilustracións de Iria Prol Studio (Xinzo de Limia, Ourense) e a xoiería de Yanet Ruiz (Xinzo de Limia, Ourense). O vidro estará representado por Arteviares/Cristalería El Reflejo (A Coruña) e Poloenríquez (Cambre, A Coruña), e os coitelos serán de Celso Ferreiro (A Fonsagrada, Lugo) e Cuchillos A. Castro (O Barco de Valdeorras, Ourense).
Pola súa banda, os artesáns da madeira son Atalanta Madera (A Estrada, Pontevedra), Ilex Talla (Santiago de Compostela), Lorenzo Design (Santiago de Compostela) e Xar Arte en Madera (Vigo, Pontevedra). As pezas de cestería son de Idoia Cuesta (Outeiro de Rei, Lugo), e La Parabólica/Julia de la Cal (O Porriño, Pontevedra), mentres que o téxtil estará representado por Belategui Regueiro (Cambre, A Coruña), BRIA concept (Mondoñedo, Lugo), Degerónimo (Santiago de Compostela), Roundie & Colors (Abegondo, A Coruña), e 2.i Uniformes para profesionales (Lugo). Artesanía no Prato, xornadas especiais.