O luns 19 de marzo tivo lugar a entregra de premios dunha nova edición do Concurso "de Tapas por Arteixo" na que volveron ser 12 locais participantes e na que se venderon máis de 7.000 tapas entre as dúas fins de semana que durou.
O Concurso está organizado polo Centro Comercial Aberto de Arteixo.
Dos tres premios que se entregaron, dous recaeron no local Arume Arpado -o premio do xurado popular á mellor tapa e o premio ó mellor servizo-, e outro na Hamburguesería Ivi, que levou o premio do xurado profesional á mellor tapa.
Ambos locais, que xa foran premiados en anteriores edicións, asistiron á recollida de premios no Arume Arpado, á que tamén asistiron o alcalde Carlos Calvelo e a Concelleira de Promoción Económica Patricia Amado, que lles fixeron entraga dos diplomas. O CCA de Arteixo tamén fixo entrega dos talonarios por valor de 600€ a tres dos membros do «xurado popular»; clientes que co seu voto elixiron a mellor tapa e o mellor servizo. Alba Rodríguez foi a gañadora do premio de 300€, e os dous premios de 150€ recaeron en María Victoria Oca e en Estefanía Aznar.
Ademais, Distribucións Cotelo entregou 12 botellóns de viño. Catro para o 2º e 3º clasificados como locais con mellor servizo, que foron O Petisco e o 40 e Tantos, e o resto elixidos ao azar entre locais participantes –Ek Chuah e Taberna San Martiño- e tamén 6 entre votantes do concurso.
«Con 12 establecementos participantes durante dúas fins de semana -2, 3 e 4, e 9, 10 e 11 de marzo- vendéronse máis de 7.000 tapas, e pese á climatoloxía tan advsersa que estabamos a pasar», comenta Raúl Vázquez, vicepresidente do Arteixo CCA.
Para o alcalde, Carlos Calvelo, «a boa acollida que ten sempre este concurso é unha mostra de que temos un alto nivel en hostalaría e que temos que impulsalo», algo que leva facendo o Concello dende hai bastante tempo, como agradeceu Raúl Vázquez tanto a el como á concelleira Patricia Amado, «que sempre mostra un grande compromiso co comercio local e con nós».
O Concurso de Tapas por Arteixo presiviblemente volverá no próximo mes de agosto.