A Xunta de Galicia e os concellos que participan nos plans de Transporte Metropolitano actualmente en funcionamento (áreas da Coruña, Santiago, Ferrol e Lugo) manteñen o nivel de subvención deste programa no ano 2013. Por este motivo, as tarifas unicamente soben por efecto do aumento do IPC. Aplicarase o valor oficial do IPC xeral no período novembro 2011 - novembro 2012 (2,9%), ás tarifas base, antes de engadir o IVE.
As novas tarifas que se aplicarán no Transporte Metropolitano de Galicia a partir do 14 de xaneiro de 2013 son as seguintes:
0/1 salto | 2 saltos | 3 saltos | 4 saltos | 5 saltos | 6 saltos | |
Efectivo | 1,45 € | 2,10 € | 2,70 € | 3,30 € | 4,80 € | 5,40 € |
Tarxetas | 0,82 € | 1,25 € | 1,77 € | 2,16 € | 3,02 € | 3,54 € |
Desta forma, a suba que se aplicará ao billete sinxelo bonificado para 0 e 1 saltos, que é o máis utilizado polos cidadáns, é de 3 céntimos, pasando de 0,79 céntimos 0,82 céntimos de euro.
Sobre este prezo, a Xunta segue asumindo adicionalmente a bonificación dos transbordos metropolitano- urbano, así como a devolución dun 15% do importe investido en transporte metropolitano a aqueles usuarios que realicen máis de 40 viaxes nun mes.
Esta bonificación nos servizos do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia para o 2013 nas catro áreas en funcionamento subvencionase cun investimento de 6,6 millóns de euros, dos cales 5 serán aportados pola Xunta e 1,6 polos concellos adheridos a este plan, que xa está implantado nas áreas de A Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol.
Novos concellos no Plan
A partir do día 14 de xaneiro de 2013 será efectiva a incorporación dos concellos de Laracha, Cerceda e Oza dos Ríos á Área de Transporte Metropolitano da Coruña, e de Negreira e Rois á Área de Transporte Metropolitano de Santiago de Compostela. Dende ese día, poderase utilizar a tarxeta TMG nos servizos de transporte público en autobús nos devanditos concellos, de tal forma que os seus cidadáns poderán beneficiarse dos descontos que leva consigo o Plan de Transporte Metropolitano.
A tarxeta TMG comercializarase nas oficinas que a entidade Novagalicia Banco ten nos citados concellos a partir do día 15 de xaneiro.