Desde hoxe novas axudas da Xunta para persoas traballadoras autónomas
As persoas traballadoras por conta propia con e sen persoal contratado ao seu cargo poderán solicitar os apoios ata o próximo 18 de decembro
As persoas traballadoras autónomas de Galicia con e sen persoal contratado ao seu cargo poden solicitar desde este xoves as axudas da Xunta para apoiar a súa actividade. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a primeira das liñas de apoios do Plan de rescate para as persoas traballadoras autónomas e microempresas, que inclúe tres programas diferentes: o dirixido a autónomos; a microempresas e autónomos con persoal a cargo; e aos establecementos hostaleiros situados nalgún dos concellos con maior incidencia epidemiolóxica que se vexan afectados polo peche da súa actividade debido á normativa sanitaria.
As persoas beneficiaras desta primeira liña de axudas, que se poderá solicitar ata o próximo 18 de decembro, son, polo tanto, os autónomos con e sen persoal contratado ao seu cargo que estean dados de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou Réxime do Mar como traballadores por conta propia, incluídas as persoas autónomas societarias. Estes autónomos deberán ter o domicilio fiscal en Galicia e ter recoñecido o cese ordinario ou extraordinario de actividade regulado no Real Decreto Lei 30/2020, de 29 de setembro, de medidas sociais en defensa do emprego.
Os traballadores por conta propia que cumpran con estes requisitos e que pertenzan a calquera tipo de actividade económica poderán optar a un apoio de 1.200 euros. Esta contía incrementarase ata os 2.000 euros para os autónomos de sectores ou actividades económicas especialmente paralizadas cuxas CNAES se especifican no DOG.
Son principalmente as relacionadas co ocio nocturno; actividades que se desenvolvan en atraccións de feiras, que non teñan un establecemento aberto ao público, e que pertenzan ás CNAES que se detallan no DOG; taxistas; transporte marítimo de pasaxeiros; transporte de pasaxeiros por vías navegables interiores; provisión de comidas preparadas para eventos; actividades de exhibición cinematográfica; axencias de viaxes; operadores turísticos; outros servizos de reservas e actividades relacionadas cos mesmos; organización de convencións e feiras de mostras; artes escénicas; actividades auxiliares ás artes escénicas; xestión de salas de espectáculos; actividades dos parques de atraccións e os parques temáticos; e outras actividades recreativas e de entretemento.
Tramitación áxil e sinxela
Os beneficiarios da axuda, que a recibirán nun pagamento único, terán que comprometerse a manter a actividade económica de alta durante dous meses a contar desde a data de publicación da orde de axudas. A tramitación destes apoios será áxil e sinxela, por medio dunha declaración responsable por parte do solicitante.
A finalidade do programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas para facer fronte á situación económica motivada pola covid-19 co obxectivo de contribuír ao mantemento da actividade económica e do emprego.
O Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas da Xunta, que se consensuou no seo do Diálogo Social e na Mesa do Emprego Autónomo, e que inclúe unha liña específica de axudas urxentes ao sector da hostalería afectado polo peche decretado pola autoridade sanitaria, está dotado con preto de 80 millóns de euros para manter a actividade económica de 30.000 autónomos e de 10.000 microempresas. Nos próximos días está previsto que o DOG publique as dúas liñas de apoios restantes, destinadas a microempresas e autónomos con persoal e a específica para a hostalería. Todas estas liñas de axudas serán compatibles entre si.
É importante activar neste novo contexto socioeconómico as medidas necesarias para garantir o mantemento e o futuro dos autónomos, unha peza clave na economía galega. A Xunta, por iso, mantén un diálogo fluído co colectivo de traballadores autónomos e adoptou desde o primeiro momento medidas encamiñadas a poñer a súa disposición a liquidez necesaria para facer fronte aos seus gastos e os apoios para facilitar a súa recuperación. Con este novo Plan, a Administración autonómica demostra unha vez máis estar ao carón dos traballadores e traballadoras da Comunidade galega e refunde o seu compromiso para garantir a estabilidade do tecido empresarial e a actividade económica de Galicia.