Os nacionalistas valoran positivamente que por fin se aprobe o proxecto pero lamentan a falta de información
O Bng de Arteixo enterouse pola información nos medios de comunicación de que a Autoridade Portuaria celebró onte unha reunión do Consello de Administración. Nela se aprobará de xeito definitivo o proxecto de acceso ferroviario ao porto exterior, paso que posibilitará a licitación da obra en breve.
Os nacionalistas lamentan que “desde o goberno local nunca nos dixeron que estaban a estudar un proxecto de tanto alcance coma este. Por iso, demandamos información sobre isto”, declara Xurxo Couto, portavoz municipal de Arteixo.
"Deste xeito, cúmprese por fin nosa solicitude desta obra desde hai anos para o desenvolvemento do Porto Exterior de Arteixo-A Coruña. Súa execución vai supoñer unha riqueza a maiores para noso concello e toda a comarca", engade Couto.
Comunicado da Xunta de Galicia
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe (por onte) o paso adiante que supón a aprobación por parte do Consello de Administración do Porto da Coruña do proxecto de conexión ferroviaria do porto exterior de Punta Langosteira e apostou por que as obras sexan licitadas canto antes.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade salientou, antes de participar na sesión do Consello de Administración na que someteu a aprobación o proxecto, que este é o último paso antes da licitación das obras da conexión ferroviaria. Un fito, dixo, que será posible grazas ao tesón e á continua reivindicación desta infraestrutura por parte da Xunta e, máis en concreto, do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que logrou “arrincar ao ex-ministro Ábalos o compromiso coa súa execución”.
Ethel Vázquez remarcou que a conexión ferroviaria de Punta Langosteira é estratéxica para a cidade da Coruña pero tamén para a toda súa área, que verá reforzada a súa competitividade e impulsado o seu desenvolvemento económico.
Incidiu en que a obra permitirá liberar o centro da cidade do tránsito de moito tráfico pesado e do transporte de mercadorías perigosas, ademais de contribuír á liberación dos espazos portuarios e á recuperación dos peiraos interiores para uso e desfrute dos cidadáns da Coruña.
Agarda agora que a licitación das obras da conexión ferroviaria por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana se produza o antes posible para que empece a materializarse esta infraestrutura “imprescindible”. Tamén agarda avances nas negociacións para acadar o outro grande obxectivo que é a recuperación da fachada marítima e a súa posta á disposición dos coruñeses.