Martín Seco presenta súa candidatura á Secretaría Xeral da Agrupación Socialista de Arteixo
O deputado socialista opta a candidatura despois de "meses de reflexión" e finalizados os procesos de renovación dos órganos de dirección do PSdeG
“Con toda a ilusión e compromiso presento a miña candidatura para dirixir a Agrupación Socialista de Arteixo", expresa Martín Seco. A intención, engade "e dar continuidade a un proxecto que avanzou con espírito construtivo e de integración entre todas as sensibilidades existentes na nosa militancia e o noso pobo”. Despois de "meses de reflexión" e finalizados os procesos de renovación dos órganos de dirección federal, nacional e provincial do PSdeG, o deputado vén de presentar a súa candidatura á Secretaría Xeral do PSdeG de Arteixo.
“Chega o momento de dar un paso adiante para darlle continuidade a un proxecto que con moito esforzo conseguiu mellorar a implantación e o apoio da nosa organización". O "único obxectivo", explica, é "traballar sen descanso por seguir na senda do crecemento e a integración de todas as sensibilidades progresistas. Os equipos que traballaron ao meu carón”, destacou Seco, “poden lucir un balance de xestión positivo". Con todo reitera que "cómpre seguir facendo un esforzo por mellorar a posición social do PSdeG na vida diaria de Arteixo".
Lembramos que en agosto de 2020 Martín Seco dimitió como concelleiro de Arteixo por incompatibilidade para asumir o seu cargo de deputado no Parlamento de Galicia tras os comicios do xullo do mesmo ano.
"A mellor candidata o candidato posible"
Martín Seco asegura que nestas internas locais “cómpre contar con toda a afiliación, darlle espazo a todos aqueles compañeiros e colectivos sociais que poden aportar na construción deste proxecto". Tamén "buscar entre a nosa militancia e a sociedade progresista de Arteixo a mellor candidata ou candidato posible e a mellor candidatura para facer realidade ese cambio tan necesario para Arteixo", asegura.