Cinema, teatro, música, monicreques, comedia e circo son os compoñentes da programación que se levará a cabo nos meses de xaneiro e febreiro nos auditorios do Centro Cívico Cultural de Arteixo e o Centro Sociocultural de Meicende.
O día 12 de xaneiro haberá un espectáculo para bebés baixo o nome deChove!, un espectáculo que intenta potenciar os sentidos dos máis pequenos da casa.
O día 19, Teatro ó cubo invítanos a ver O faiado, obra teatral e musical na que tras un acontecemento familiar, Vera, Roi e Anxo vense na necesidade de chegar a un acordo para o cal terán que confrontar o seu ideario. No mesmo día, no auditorio do CSC de Meicende, actuará a Banda Xuvenil Santiago de Arteixo.
O 26, Trompicallo amósanos Planeta Ardora, un espectáculo singular que xoga cas luces para crear escenarios únicos que fascinarán ao público infantil.
O día 27, proxectarase o filme Verónica, de Paco Plaza, nominada aos premios Goya 2018, na que se narra a historia baseada en feitos reais dunha adolescente que tras facer unha ouija cunhas amigas, é asediada por presenzas sobrenaturais que queren facer dano á súa familia. O director e a actriz principal estarán presentes este día para falar sobre a película nunha charla-coloquio.
O 2 de febreiro, no auditorio do CSC de Meicende, Os Tocacontos deleitarán ao público familiar con A música máxica, un percorrido musical, inspirado no mundo das películas Disney. O mesmo día, no auditorio do CCC de Arteixo, Cair Circo traeranos Erori, galardoado co premio do público no festival Entrepayasos en Zaragoza, que dende o humor, haberá malabares, acrobacias, portés, golpes e caídas.
O venres 9 de febreiro, Carlos Blanco e Luís Davila deixan a saia escocesa para poñerse o smóking e facer das súas en Menú da noite. Desta volta viaxan a Broadway, pero cos sachos, claro.
O 16, Dinamo Producións amósanos Eu queríame casare, unha comedia na que Antón e Lola, que están preto dos 40, buscan a súa última oportunidade no amor antes de que se lles pase o arroz. No mesmo día, e no auditorio do CCC de Arteixo, actuará Píscore conConcerto Singular, obra galardoada co premio do público de Festiclown. Catro músicos dispostos a facer soar do xeito máis orixinal e abraiante a marimba.
Para rematar, o día 23 de febreiro, Cayetanó Lledó traeranos Sherlock Holmes, no que o famoso detective tentará resolver o misterioso roubo da mansión. Todos son sospeitosos, incluído o público!
Como novidade, a venda de entradas realizarase no CCC de Arteixo só o día da función en horario de 11:30 h a 14:30 h e 1 hora antes do comezo do espectáculo até completar a capacidade da sala.
A recollida de invitacións levarase a cabo 1 hora antes do comezo do espectáculo até completar tamén a capacidade no centro correspondente.