O Concello de Arteixo, para contribuír ao desenvolvemento da narrativa galega, convoca con carácter anual o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía
O Concello de Arteixo celebra o 30º Certame de Narracións Breves "Manuel Murguía" nun acto a desenvolver o día 13 de novembro ás 20:00 horas. Contará coa presenza das autoridades e incluirá a inauguración dunha obra artística de Dores Polo e Benito Freire. A escultura, de ferro, azulexos e case dous metros de alto, será presentada polos autores.
Xa foron convocadas no BOP as bases do certame. Nesta ocasión de novo aumentan a contía dos premios. Poderán concorrer todas as autoras e autores que o desexen cunha única obra, de temática libre e escrita en lingua galega. Non poderán participar nesta convocatoria as persoas incursas nalgunha das causas de prohibición para obter a condición de beneficiarios/as que establece o artigo 13 da Lei 38/2003.
- Os relatos, que deberán ser orixinais e inéditos en calquera soporte (papel, electrónico, etc.). Deberán ofrecer unha extensión non inferior a 15 páxinas nin superior a 30, estar escritos por unha soa cara con letra Arial, corpo 12, con dobre espazo interlinear e tamaño DIN A4.
- Os traballos presentaranse por cuadriplicado e incluirán unicamente na portada o título da obra e un lema ou pseudónimo. Xuntarase unha copia do texto nunha memoria USB ou CD en formato LibreOffice, Word ou similar. Nun sobre pechado, no que tamén serán visibles o título e o lema, achegaranse no seu interior o título, o lema, o currículo da persoa autora, a copia do NIF, o nome, o enderezo, o teléfono e correo electrónico. Tamén, unha declaración expresa de que a obra é inédita e que non foi premiada, ata a data da súa presentación, en ningún outro certame ou premio. Ademáis. un escrito no que dea a súa conformidade á cesión dos dereitos de edición da obra.
- O prazo de presentación de orixinais rematará o 28 de febreiro de 2021.
- Non se admitirá máis de unha obra por autor/a. Deberá enviarse sen remite e facendo constar no sobre "30º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía". Enderezo: Concello de Arteixo, Praza Alcalde R Dopico, Nº 1, 15142 Arteixo - A Coruña.
- Establécense tres premios: un primeiro dotado con 4.000 euros, un segundo de 2.000 euros, e un terceiro de 1.000 euros. Todos eles sometidos á correspondente dedución do IRPF, e serán aboados mediante transferencia bancaria á conta que indiquen os premiados.