O 30 de agosto (2019) tivo lugar clausura do V obradoiro “A Laracha-Arteixo”. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou na Laracha, durante a clausura do obradoiro dual A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego V, a importancia desta formación e emprego “porque grazas a súa especialización e á formación flexible e á carta que ofrecen están contribuíndo a ter unha Galicia máis preparada”, anotou.
No obradoiro participaron 20 alumnos e alumnas que recibiron cualificación, ao tempo que accederon a un posto de traballo, nas especialidades de carpintería e moble, ademais de pintura industrial en construción.
Unha vez rematado o obradoiro, que contou con 9 meses de duración, terán, ademais, a posibilidade de acceder a un contrato laboral nunha empresa da contorna durante tres meses máis, como mínimo, grazas á dualidade do obradoiro.
A formación que están recibindo no obradoiro permitiulles, tamén, realizar labores de pintura interior e exterior en edificios e instalacións municipais como os campos de fútbol da Laracha e Paiosaco; o pavillón deportivo de Xermaña-Caión; a pista polideportiva de San Román de Cabovilaño; o edificio de usos múltiples municipal; as antigas escolas unitarias de Ínsua e As Rañeiras ou os centros socioculturais do Cruceiro e Areosa. Ademais, tamén permitiron a mellora ambiental e acondicionamento do Muíño da Cachada.
Toca sinalou que “a formación para o emprego é prioritaria para contar cunha Galicia e cuns concellos máis preparados a través dos cursos formativos e dos obradoiros que se están ofrecendo. Estes programas de formación dual, flexibles e á carta permiten ofrecen novas oportunidades de traballo a aquelas persoas que non contan cunha formación académica suficiente e aos que queren multiplicar as súas opcións recibindo unha mellor especialización”.
A Xunta porá en marcha en 2019/2020 e, por segundo ano consecutivo, estes programas cun orzamento de 21 millóns de euros para poder beneficiar a 1200 persoas sen emprego. Primaranse os obradoiros forestais e no acceso a este programa terán preferencia emigrantes retornados, desempregados maiores de 45 anos e mulleres.
Tamén se desenvolverán obradoiros específicos para personas menores de 30 anos, os que forman parte do sistema de Garantía Xuvenil.