O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou nun encontro con escolares do colexio Santa Apolonia, en Santiago de Compostela.
Dentro do programa Entroido seguro e sen riscos. que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia está a desenvolver nos centros educativos galegos, chegando a 2500 estudantes de educación primaria.
Esta iniciativa céntrase nos requisitos que deben cumprir os distintos disfraces, perrucas, pinturas e demais artigos que se poden atopar á venda e ofrece pautas e consellos para unha compra e un uso axeitado e seguro desta clase de produtos. Durante a realización das actividades, os nenos e nenas poden traballar directamente cos produtos propios do Entroido. Despois de asistir a unha pequena charla na que se explican os principais riscos, o alumnado elabora a súa propia máscara cumprindo co aprendido xunto co etiquetado correcto que esta debe amosar.
Esta actividade formativa contribúe tamén a divulgar o traballo do Laboratorio de Consumo de Galicia nas súas tarefas de vixilancia do mercado e de retirada dos produtos inseguros.
Consellos para a compra dos produtos
Desde a Xunta, por medio do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, recoméndase facer un consumo responsable ao mercar máscaras, disfraces e cosméticos como medida de prevención de accidentes, con especial atención aos produtos que van
destinados aos máis pequenos.
Desde o Instituto recórdase que os disfraces para menores teñen a consideración de xoguete, polo que teñen que cumprir os requisitos de seguridade que marca a normativa e incluír na súa etiquetaxe a marca CE, a idade recomendada, as instrucións e advertencias na súa utilización, así como o nome e a marca do produto, razón social e enderezo do fabricante ou importador. Recoméndase gardar tanto a etiqueta como o xustificante de compra (tícket, factura…), necesarios para realizar calquera reclamación posterior.
Os disfraces dos menores de 7 anos non deben ter compoñentes perigosos que poidan provocar asfixia (cordóns demasiado longos ou botóns que se poidan desprender con facilidade). Tampouco se permiten cordóns ou fitas que colguen por debaixo das dobras
inferiores da peza. Por outra banda, recoméndase elixir materiais non inflamables, e atender ás indicacións da etiquetaxe neste aspecto, así como manter as nenas e nenos afastados de calquera fonte de calor intensa.
Os traxes que non sexan axeitados para menores de 3 anos deberán indicalo explicitamente a través dunha advertencia na que se explique o risco específico que motiva a exclusión. En canto ás máscaras, débese comprobar que os orificios son suficientes para permitir unha axeitada ventilación. Con respecto á maquillaxe, deberá ser axeitada para a pel dos nenos, e deberá probarse antes nunha zona da man ou do brazo.