O obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego VI concluíu co acto de clausura celebrado no Centro Tecnolóxico de Arteixo no que os dous alcaldes, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo, xunto ao delegado da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, fixeron entrega dos diplomas ao alumnos traballadores deste programa dual de formación e emprego.
Durante os últimos doce meses vinte persoas que se atopaban en situación de desemprego tiveron a oportunidade de aprender un oficio, realizar traballos de interese xeral durante a fase práctica da formación e obter unha remuneración económica ao longo dese período formativo.
O equipo directivo, formativo e administrativo estivo composto por cinco persoas. Dez alumnos traballadores desenvolveron a súa actividade na especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, que centrou a fase práctica no termo municipal da Laracha. Interviñeron no Castro de Montes Claros -limpeza da croa, eliminación de especies invasoras e tratamentos para potenciar as árbores autóctonas- e na carballeira de San Fins, onde executaron os primeiros labores de apertura dos camiños interiores e limpeza previstos no proxecto de recuperación e xestión deste espazo natural baixo a coordinación da Fundación Juana de Vega. Outros dez alumnos traballadores formáronse na especialidade de limpeza en espazos abertos e instalacións industriais, con actuacións en varias localizacións do municipio de Arteixo.
Para José Manuel López Varela, estes programas conforman “as mellores condicións que podemos ofrecer desde os Concellos en materia de emprego por calidade da formación, tempo de duración e remuneración económica ao alumnado”. O rexedor larachés considera “totalmente positivas” as experiencias na organización de iniciativas destas características con Arteixo e agarda “continuar nesa liña nos próximos anos”. Concluíu lembrando ao alumnado que “os servizos municipais de emprego están á vosa disposición para axudarvos no proceso de inserción laboral” e afirmando que “antes era difícil encontrar traballo, e agora o difícil é encontrar traballadores”, polo que os animou a “aproveitar esta oportunidade”.
Carlos Calvelo mostrou o seu agradecemento “sobre todo, aos alumnos”, asegurando que tanto os responsables municipais como a veciñanza en xeral “estamos moi orgullosos polo traballo feito” na mellora das infraestruturas e equipamentos municipais.
Gonzalo Trenor explicou que os obradoiros de emprego supoñen “un esforzo importante para a Xunta de Galicia, pero xustificado e que debemos seguir facendo” porque “son os programas que presentan mellores taxas de inserción laboral”. O delegado da Xunta puxo en valor a “máxima calidade” da formación práctica e teórica, que ademais está “baseada nas necesidades do mercado laboral, adaptada á realidade actual e cun certificado de profesionalidade válido en todo o territorio nacional”. Por último, destacou que os obradoiros son “exemplo de colaboración entre administracións”, polo que felicitou aos Concellos da Laracha e de Arteixo pola “organización, administración e liderazgo” da iniciativa.