Corte diúrno do tráfico esta fin de semana en Sabón, Arteixo
O corte comezará mañá, sábado 11 ás 8:00 horas, quedando restablecido o tráfico ás 20:00 horas. Repetirase o mesmo procedemento o domingo 12 para evitar a afección en días laborables
As obras de ampliación que está a executar a Xunta na avenida da Deputación de Sabón, en Arteixo, farán necesario un corte diúrno do tráfico esta fin de semana. Comezará o sábado ás 8:00 horas, quedando restablecido o tráfico ás 20:00 horas. Repetirase o mesmo procedemento durante a xornada do domingo. Deste xeito, quedará restrinxido o tráfico da avenida da Deputación, entre o enlace que dá acceso de entrada ao Polígono de Sabón-sur e a avenida Embalse.
Para facilitar a mobilidade, este corte estará sinalizado con antelación, así como o itinerario alternativo pola estrada AC-552 a través da avenida da Ponte. Estes peches de circulación son necesarios para avanzar nas obras de ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación no polígono de Sabón. Esta actuación conta cun investimento autonómico de máis de 6,3 M€ e prevese o seu remate para o próximo verán.
O proxecto consiste no desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 carrís en todo o trazado, entre a glorieta elevada de Sabón e a da avenida da Enerxía, onde se atopa a ITV.
- Primeiro treito, entre a glorieta de Sabón e a avenida do Embalse. Acometerase un carril adicional en sentido Coruña, con conexión directa ao ramal de acceso ao nivel inferior da rotonda, o que mellorará os tráficos e a fluidez dos vehículos pesados. Tamén se habilitarán beiravías, beirarrúas e unha zona con aparcadoiro en liña.
- Segundo tramo, entre as avenidas do Embalse e da Moda. Duplicaranse os carrís por cada sentido e dotarase a zona de aparcadoiro en liña e beirarrúa e beiravías. Ademais, executaranse muros de contención para salvar as afeccións coas parcelas existentes.
- Terceiro treito, entre as avenidas da Moda e da Enerxía. Duplicaranse os carrís con separación mediante mediana física, e habilitaranse en ambas marxes, beirarrúas con beiravías de 1 metro de ancho.