29 alumnos da delegación participan nas 27 competicións das modalidades oficiais.
Unha trintena de alumnos compoñen a delegación galega que compite esta semana nas olimpíadas estatais de Formación Profesional, as Spain Skills 2022. Toman parte nesta competición os estudantes que acadaron medalla de ouro na fase galega do certame, Galicia Skills 2021.
O alumnado participante está acompañado polos seus titores. Tamén forman parte da delegación, en calidade de coordinadores técnicos, membros do xurado e xefes do equipo nacional de distintas competicións, outros oito docentes galegos.
Galicia presenta 29 competidores que participan en 27 habilidades, a totalidade das competicións oficiais que compoñen o certame. Ademais, a nosa Comunidade terá representación en tres modalidades de exhibición: Robótica colaborativa, Sistemas robóticos integrados e Industria 4.0.
As "Spain Skills 2022" desenvólvense ata o venres 25 no recinto feiral IFEMA de Madrid e nelas mediranse as competencias de alumnos das 17 CCAA e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla. A competición en si realizarase o mércores, xoves e venres, mentres que a entrega de medallas será o sábado 26 de Marzo a mediodía.
Algúns dos colexios que terán representación son: IES Agra de Raíces (Cee), CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo), IES Politécnico de Vigo (Vigo), CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), IES María Sarmiento (Viveiro), CIFP Imaxe e Son (A Coruña), CIFP Ferrolterra (Ferrol), IES San Clemente (Santiago de Compostela), CIFP Politécnico de Lugo (Lugo), CIFP Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), IES 12 de Outubro (Ourense), IES Montecelo (Pontevedra), CIFP As Mercedes (Lugo)...