O pleno da Deputación da Coruña aprobou na súa sesión ordinaria do mes de febreiro, a firma dun convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para financiar os traballos de investigación, “Aplicación do índice de cobertura dos servizos municipais á actualización dos sistema de indicadores de calidade dos servizos municipais e de vida en xeral nos concellos da provincia da Coruña e análise dos complementos económicos dos índices de cobertura dúas servizos municipais (fase 2014)”.
O acordo recolle unha partida de 120.000 euros, o que supón o 80% dun investimento total (150.000 euros) co que se afrontará o pago dos gastos de dirección e coordinación do estudo, o equipo técnico e o material, así como os traballos de campo (recollida de datos non publicados), as enquisas e os modelos informáticos de tratamento de datos.
O obxectivo final é actualizar o Barómetro de Xestión Municipal (BXM) e desenvolver un indicador sobre o impacto do investimento público nos Índices de Cobertura de Servizos Municipais. Este índice permite avaliar de forma comparativa aos concellos interpretando a posición de cada un deles comparándoos con outros do seu mesmo rango poboacional.
Así, dos 93 municipios da provincia 12 de menos de 2.000 habitantes, 29 de entre 2.001 e 5.000 e os que máis abundan, 48 concellos, os que teñen entre 5.001 e 20.000. Ademais hai 8 de entre 20.001 e 50.000 e só tres que superan esta cifra.
Por áreas
O estudo ao que o pleno decidiu dar respaldo abarca 16 áreas de análise dende a xestión administrativa e o emprego ata os servizos sociais e a sanidade, pasando polo urbanismo e os equipamentos culturais e deportivos, entre outros.
Este traballo supón dar un paso máis de cara á boa xestión dos recursos que a institución provincial pon ao dispor dos concellos porque conecta a información extraída dos índices de cobertura e os niveis de satisfacción cidadá co rendemento das actuacións da Deputación.
Plan de Vías Provinciais 2014
Por outra banda, o pleno da Deputación da Coruña tamén deu luz verde ao investimento de 1.709.184,56 euros da primeira fase do Plan de Vías Provinciais 2014, co que afrontar a ampliación e mellora do trazado da CP0810 no concello de Bergondo ao seu paso por Guiliade entre o punto quilométrico 0 e o 0,480. Así mesmo, reformarase a Ponte de Santa Lucía entre Santiago e Vedra entre o punto quilométrico 8,13 e o punto quilométrico 10,37.
A primeira obra conta cun investimento de 410.147,90 e permitirá ampliar a plataforma actual, que ten un ancho de cinco metros e que carece de beirarrúas. Agora pasará a estar formada por dous carrís de tres metros e medio, con zona de aparcadoiro de dous metros e medio, e beirarrúas de 1,8 metros de ancho. Naqueles lugares onde sexa imposible reservar espazo para o aparcamento habilitaranse beiravías de cincuenta centímetros.
A obra inclúe ademais a instalación de toda a rede interior de augas pluviais en PVC e a instalación dun colector por rúa que discorre pola zona de aparcadoiro. Por último, tamén se instalará unha ponte prefabricada sobre a liña de ferrocarril.
Pola súa banda, a reforma da Ponte de Vedra ascende a 1.299.036,66 euros que permitirán mellor a seguridade viaria da zona coa construción dun ancho de plataforma de nove metros. Ademais, sobre o río Barranqueira, aproximadamente no punto quilométrico 8,200, construirase unha nova ponte, paralela á existente, con 12 metros de ancho e beirarrúas para o tránsito de peóns.
Tamén neste caso se intervirá sobre a tubaxe interior, neste caso para sustituir a rede de abastecemento nun tramo duns 55 metros, así como as cometidas domiciliarias. Por último, e segundo as necesidades, nalgúns puntos do tramo construirase unha nova rede de drenaxe de augas pluviais cos seus correspondentes sumidoiros e pozos de rexistros.
Fuente: Deputación A Coruña