O grupo municipal de Arteixo solicitará no pleno do día 28 retomar o diálogo sobre deslindes cos concellos veciños
O Psoe de Arteixo solicitará, no próximo pleno, que se retome o procedemento dialogado de deslindes co Concello da Coruña. Entre 2007 e 2011 constituírase unha comisión conxunta entre as dúas administracións municipais, pero as negociacións víronse interrompidas trala chegada ao goberno do PP. O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Simón López, considera que “é necesario resolver dunha vez esta cuestión, sobre todo para a cidadanía e as empresas que desenvolven a súa actividade nas parroquias afectadas”.
Zonas como Meicende, A Zapateira ou Nostián viven nunha situación de incerteza respecto aos límites municipais e o mesmo acontece no barrio do Souto, na extre con Culleredo, onde nunca se chegou a concretar o deslinde. “Existe unha lóxica preocupación por saber a quen lle teñen que pagar os impostos ou onde deben solicitar os seus permisos”, indica López.
Por outra banda, os socialistas denuncian a “demora inxustificada” da negociación dos deslindes cos concellos veciños e tamén da renovación do Inventario Municipal de Bens, un documento que o alcalde cualificou como urxente e “moi importante” xa en 2018.
Na contorna do instituto de Pastoriza
Os socialistas tamén volverá reclamar no próximo pleno, a limpeza inmediata da maleza na contorna do IES de Pastoriza. Reclaman o inicio urxente dunha intervención urbanística. O proxecto anunciado no seu momento contemplaba, entre outras actuacións, a habilitación dunha saída para a rúa Agra Verde e a
construción dunha zona verde na intersección desta vía coa rúa Lagarto.
Máis limpeza nos colexios
Además, os socialista reclamarán un maior control sobre a limpeza dos colexios públicos do concello. Solicítase a elaboración dun informe onde se recollan os posibles incumprimentos existentes e que se adopten as medidas oportunas para garantir o correcto funcionamento do servizo. A concelleira Patricia Boedo entende que ante denuncias dos pais “o goberno municipal ten a obriga de inspeccionar os centros educativos que teñen a limpeza concesionada polo Concello a unha empresa privada”.