Galicia compite como finalista dos Premios Nacionais de Artesanía. Tratase de catro candidaturas galegas das cinco propostas. A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, aspira a gañar na categoría de Premio Promociona para Entidades Públicas. Nela foi galardoada en dúas ocasións anteriores pola súa contribución significativa á promoción dos oficios a través do proxecto Artesanía no Prato. Nesta 12ª edición dos galardóns tamén foron seleccionados como finalistas noutras categorías tres obradoiros galegos: Eferro (Vila de Cruces), Ojea Studio (Vigo) e Anaquiños de Papel (A Coruña).
Os Premios Nacionais de Artesanía son convocados anualmente polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo co obxectivo de recoñecer as traxectorias e actuacións máis destacadas no eido da artesanía contemporánea. Deste xeito, buscan contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar nelas a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. A presenza galega entre os finalistas destes premios é habitual, e así, nas 12 edicións que se levan celebrado foron elixidas como finalistas 25 candidaturas galegas, das que 10 acadaron finalmente o premio e unha recibiu unha mención especial.
Na súa duodécima edición, os finalistas dos Premios Nacionais de Artesanía súmanse as 90 candidaturas procedentes de toda España. Delas, 16 finalistas (4 deles galegos) optan ás cinco categorías a concurso. Os gañadores daranse a coñecer nunha cerimonia prevista para o próximo 4 de decembro.
Candidaturas galegas
A Fundación Artesanía de Galicia ten en marcha desde 2013 o
proxecto Artesanía no prato, que ten como finalidade xerar unha interrelación
entre artesanía, deseño e gastronomía, dando a coñecer o potencial das pezas
artesás como soporte das creacións culinarias. No marco desta iniciativa,
achéngase os produtos dos obradoiros artesáns galegos aos campos da
gastronomía, hostalería e restauración. Apóstase pola calidade, a innovación e
a creatividade, fomentando experiencias con novos soportes e materiais. Froito
deste proxecto, máis de 40 artesáns están a traballar con cociñeiros galegos e
nacionais, así como con grandes empresas distribuidoras de enxoval para
hostalería. Os vindeiros 27 e 28 de outubro celebraranse en Expocoruña as II
Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, unha das iniciativas incluídas neste
proxecto.
Na categoría Premio ao Emprendemento resultou finalista
Anaquiños de Papel (A Coruña). Este
obradoiro, dirixido polas irmás Cristina e Beatriz Velasco desde 2014,
foi gañador da Bolsa Eloy Gesto o ano pasado. A materia prima deste estudio de
deseño e creatividade é o papel, co que elaboran obxectos de decoración como
lámpadas, flores, animais ou tocados usando con técnicas de origami e paperart.
Este proxecto innova no sector artesán do papel, aínda non moi coñecido en
España, o que lles deu a posibilidade de crecer e posicionarse chegando a ser
un referente no sector. Nun breve espazo de tempo xa teñen colaborado con
Loewe, Cartier, Inditex, Cruz Vermella ou Ecoembes. A súa filosofía é o deseño
responsable e sostible.
Elena Ferro, do taller Eferro (Vila de Cruces, Pontevedra), opta como finalista a recibir o galardón na categoría de Premio Nacional de Artesanía. Elena Ferro xa fora finalista en 2011, na categoría Premio Produto. Destaca polo seu traballo cun produto característico da tradición rural: os zocos de madeira. Neste taller, en funcionamento desde 1915, veñen desenvolvendo o seu traballo artesán tres xeracións da familia Ferro.
Co cambio no valor de uso do calzado de traballo, Elena Ferro outórgalle un novo significado a este produto sen arrebatarlle a súa esencia, reinventando o seu uso como complemento de moda con constantes innovacións en deseños, materiais e cores. A través do seu traballo, a artesá dotou a este produto tradicional dun grao de innovación para adaptarse ás necesidades do mercado, novos usos e públicos.
Pola súa parte, a ceramista e enxeñeira Paula Ojea, de Ojea Studio (Vigo), é finalista da categoría Premio Produto á que opta coa súa colección Cut&Fold. Esta serie caracterízase polas súas formas xeométricas imposibles, que segundo o punto de vista desde o que se observen inclínanse cara distintos lados, semellando inestables. Son pezas que exploran contrastes, entre a precisión do deseño e a irregularidade do proceso artesanal. Foron deseñadas con mentalidade e xeito de traballar propias da enxeñería e realizadas de forma artesanal.
A serie, que evoca o papel cortado e dobrado, permite incorporar deseños máis utilitarios (xerras, xarróns, cuncas, e pratos) que usan chefs de alta cociña para servir as súas creacións. Os seus singulares deseños son realizados a man, de xeito que nunca dúas pezas son idénticas. Desde a modelaxe ou colaxe da arxila ata o esmaltado, todo se fai de maneira individual. En 2017 este obradoiro resultara gañador da Bolsa Eloy Gesto que concede a Fundación Artesanía de Galicia para formación especializada nun centro de prestixio. Galicia compite como finalista dos Premios Nacionais de Artesanía, Galicia Calidade.