As Letras Galegas celebran a Francisco Fernández del Riego na súa sesenta edición.
Na súa sesenta edición rinden homenaxe ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou o 24 de febreiro, na Cidade da Cultura, a programación das Letras Galegas 2023.
Unha decisión da Real Academia Galega que, segundo o titular de Cultura “é un acto de xustiza”. Foi Del Riego quen, xunto con Gómez Román e Ferro Couselo, “impulsou a iniciativa para establecer unha xornada que permitise atesourar e recoñecer a todos e a todas os que contribuíron a enriquecer a nosa lingua e a ampliar o noso horizonte intelectual”.
Así Román Rodríguez tamén quixo destacar do autor laurentino, “un dos máis prolíficos e brillantes ensaístas do século XX e parte do XXI”, o seu legado para a cultura e lingua galegas. “A vocación de Fernández del Riego non se limitaba soamente á súa propia obra, senón que debemos considerar o seu gran papel como dinamizador da vida literaria, cultural e intelectual de Galicia”, apuntou. Un papel que, ademais, o levou a “actuar como embaixador oficioso da nosa cultura por todo o planeta”, engadiu o representante do Goberno galego.
Programa de actividades
O programa de actividades inclúe máis dun centenar de propostas de ámbito literario, deportivo, musical, escénico, académico e escolar. Está impulsado por:
- Xunta
- Real Academia Galega (RAG)
- Consello da Cultura Galega
- CRTVG
Ademais conta coa colaboración do Concello de Lourenzá e a Mesa Coordinadora D. Paco, así como de numerosas editoriais galegas (Xerais, Bolanda, Ir indo e Galaxia), e entidades e empresas de diversos sectores como Renfe Viajeros, Gadis, Vegalsa-Eroski, Feiraco e Xurdir, entre outras.
As accións están dirixidas a renderlle tributo, dar a coñecer e poñer en valor a vida e obra do homenaxeado. Desenvolveranse ao longo de todo o ano, con especial atención ao propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
Celebración transversal
A programación das Letras Galegas será transversal e “inclúe unha batería de iniciativas centradas nas distintas facetas que desenvolveu Férnandez del Riego”, indicou o conselleiro. Así, contempla proxectos expositivos como a mostra itinerante Cos ollos do espírito, promovida pola Xunta coa colaboración de Editorial Galaxia e da Fundación Penzol, das que o homenaxeado foi director.
A esta exposición súmanse outras como as gañadoras do Concurso-exposición Letras Galegas 2023, que tamén poderán verse a través do Portal da Lingua Galega, ou as mostras que acollerán os centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
A programación completa das Letras Galegas 2023 poderá consultarse no Portal da Lingua Galega e na web de Cultura de Galicia .