A Xunta de Galicia e a empresa Repsol colaboran no proxecto pioneiro na Comunidade para a recollida de aceite de cociña usado de orixe doméstica en estacións de servizo e a súa posterior transformación en biocombustible.
Neste sentido, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Transformación Industrial de Repsol, Juan Abascal, visitaron o martes 12 de decembro, unha das preto de 180 gasolineiras que xa se adheriron a esta iniciativa en Galicia.
Ademais avanzaron a intención de incrementar ese número en vindeiras datas para contar “cunha rede o máis ampla posible para dar un bo servizo aos cidadáns”.
Concellos obrigados por lei
Logo de lembrar que a partir do 1 de xaneiro de 2025 os concellos estarán obrigados por lei a recoller de forma separada o aceite usado de orixe doméstica, Ángeles Vázquez explicou que "grazas a este proxecto se lles facilitará aos cidadáns o depósito e xestión dun residuo moi habitual e presente en todos os fogares, ademais de garantir que reciba un tratamento axeitado e se poida transformar nun novo produto, dándolle unha nova vida e evitando que acabe contaminando solos e augas".
De feito, Repsol encargarase de recoller todo o aceite que se deposite nos puntos habilitados a tal fin nas estacións participantes para transformalo en combustible renovado, reducindo así as emisións de CO 2 en torno a un 90% con respecto á alternativa fósil.
Lembrar que a iniciativa posta en marcha se enmarca na Estratexia galega de economía circular 2020-2030.