O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na nova liña de financiamento aprobada para inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos. Trátase de unha liña específica á que a Xunta destinará preto de 30 millóns de euros. Isto permitirá a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos que contribuirán a paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego. A Administración autonómica asume a totalidade dos xuros dos préstamos concedidos nesta liña.
O presidente do Goberno galego aseverou que esta liña de financiamento para autónomos e pemes cubrirá operacións do dobre dos custos salariais do ano anterior ou o 25% da cifra de negocio, cun máximo de 200.000 euros. E os beneficiarios terán ata 4 anos para amortizar estes préstamos, facéndose a Xunta cargo dos xuros. “De media supón unha axuda directa de 9.000 euros”, abundou.
Con esta inxección de liquidez inmediata, as empresas e o colectivo autónomo poderán atender as súas necesidades máis inmediatas, tanto os gastos do día a día, como o pago de salarios, facturas, alugueres ou impostos. O presidente do Executivo galego concluíu aseverando que a Xunta está a manter estes días unha rolda de consultas con todos os axentes sociais e económicos para escoitar as súas demandas e poñer en marcha novas medidas.
Xulgados de garda
Por outra banda, os xulgados de garda das cidades galegas están a empregar a videoconferencia, a través da plataforma da Xunta, para tomar as declaracións dos detidos. Así, comunícanse coas comisarías e comandancias para realizar a videoconferencia, á que se poden incorporar tamén os avogados desde onde estean. Este sistema pode ser empregado por calquera xulgado que así o requira.
Ademais de poder empregar esta plataforma, a Xunta está a poñer en marcha outros recursos a disposición da Administración de Xustiza ante a epidemia do coronavirus, actuacións que se toman en acordo co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).