Plan de mellora para as paradas de autobús

Plan de mellora das paradas de autobús.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 1.255.000 euros as obras para mellorar 32 paradas de autobús.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 1.255.000 euros as obras para mellorar 32 paradas de autobús na AC-552 ao seu paso polos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo.

Os traballos, adxudicados á empresa Construcciones Cernadas, S.L., céntranse na mellora da seguridade e da accesibilidade das 32 paradas de autobús situadas ao longo de 15 km desta vía autonómica, nestes tres concellos.

Así, as obras, que necesitan expropiacións, prevén comezarse na primavera e teñen un prazo de execución de 12 meses.

As actuacións proxectadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta suporán o acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas ou beirarrúas.

Tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.

Trátase da primeira das actuacións enmarcadas no programa da Xunta para actuar en máis de 1.100 paradas de autobús en estradas autonómicas co fin de mellorar a súa seguridade e accesibilidade. Suporá un investimento global de arredor de 35 millóns de euros.

Tamén, a iniciativa forma parte do Plan de infraestruturas para unha mobilidade segura, verde e intelixente da Xunta de Galicia.

As actuacións terán financiación dos fondos MRR do programa Next Generation do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e, previsiblemente, tamén con fondos FEDER 21/27.

O detalle das obras

No marco destas intervencións, en primeiro lugar, revisarase se a localización da parada é a axeitada. A localización óptima destas infraestruturas é en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.